A CEO e Novagalicia Banco asinan un acordo de colaboración

Reunión do acordo de colaboración
A Confederación Empresarial de Ourense e Novagalicia Banco asinaron un convenio mediante o que renovan a longa e estreita traxectoria de colaboración que ambas as dúas entidades manteñen dende hai anos. Esta cooperación ten como fin último levar a cabo o desenvolvemento de proxectos e accións específicas encamiñadas á potenciación dos sectores empresariais da provincia.
O convenio destaca a participación común de ambas as dúas entidades naqueles proxectos de potencial impacto no desenvolvemento empresarial da provincia, sempre que se axusten aos seus fins e ámbitos de actuación. Exemplo disto pode ser potenciar o desenvolvemento formativo dos equipos directivos das empresas asociadas, a elaboración de estudos ou informes socio-económicos, a organización de conferencias, xornadas e seminarios; ou de xeito máis amplo a colaboración no desenvolvemento daqueles proxectos nos que compartan obxectivos comúns e que formen parte dos seus compromisos sociais.
O texto do acordo fai especial fincapé na organización e desenvolvemento de actuacións relacionadas co fomento do espírito emprendedor na provincia e o fortalecemento de ecosistemas locais de emprendedores. Con estas accións ambas as dúas entidades propóñense contribuír ao auxe de novas iniciativas empresariais no noso territorio, así como á detección e o impulso do emprendimiento con talento, especialmente entre os colectivos máis novos.
O acordo asinárono esta mañá Juan Carlos Carneiro Caneda, Director Territorial da entidade en Ourense e Lugo, e José Manuel Pérez Canal, presidente da Confederación Empresarial de Ourense. O primeiro deles, tras o acto de firma destacaba que “este acordo é mostra do compromiso de Novagalicia Banco co tecido empresarial de Galicia, e especificamente co de Ourense. Coa súa firma tratamos de contribuír á creación de novos proxectos empresariais”. Pola súa banda, o presidente da CEO afirmaba que “é de especial relevancia o apartado que fai referencia á potenciación do espírito emprendedor, xa que consideramos imprescindible o apoio á creación de empresas, que son as que á fin e ao cabo poderán xerar emprego e riqueza na provincia,”.
Novagalicia Banco está a desenvolver un plan de respaldo ao tecido económico e social de Galicia con crédito a pemes e autónomos, colaboración coas asociacións empresariais que os agrupan e apoio directo ao desenvolvemento de programas de emprendedores. Entre xaneiro e setembro, o banco con sede en Galicia investiu 3.187 millóns de euros en novos créditos a pemes galegas. A entidade aumentou nun 3% a súa cota de mercado de crédito en Galicia, con especial incidencia no crédito novo a micropymes, pemes, autónomos, emprendedores e empresas medianas. O apoio de Novagalicia Banco á economía de Galicia compleméntase coa firma de ao redor de 600 convenios de colaboración con entidades clave para o tecido produtivo que serven de apoio a empresas, autónomos, profesionais e comerciantes.











