A CEO e Garrigues colaboran para ofrecer unha análise pormenorizada da nova Lei de Apoio a Emprendedores
O despacho de Garrigues volveu proporcionar as claves para comprender polo miúdo a nova Lei de Apoio aos Emprendedores e a súa Internacionalización. Os relatores desta tarde interviñeron para explicar cada un os aspectos máis novidosos en catro ámbitos diferentes: fiscal, mercantil e concursal, laboral e xurídico-administrativo. A norma, que ten como obxectivo apoiar ao emprendedor e a actividade empresarial no territorio español, tanto nos momentos iniciais ao comezar a actividade como no seu posterior desenvolvemento, crecemento e internacionalización, introduciu unha serie de importantes novidades nos distintos factores que interveñen na creación e puxo en marcha de novos proxectos empresariais. Nicolás Santos Padín, Borja Ríos González, Natalia Gómez Justo e Bruno Pérez Conde foron os encargados de debullar estas novidades para o público asistente.
No ámbito fiscal abordouse o tan esperado criterio de caixa un novo réxime especial no IVE en virtude do cal se pode, por fin, atrasar a remuneración do imposto repercutido ao momento do cobramento aos clientes. Tamén se comentaron as novidades introducidas en materia do Imposto sobre Sociedades, como a mellora da dedución por actividades de I+D, a modificación do beneficio do “patent box”, ou os novos incentivos para empresas de reducida dimensión para os períodos impositivos que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2013.
As novidades introducidas por esta Lei tanto no ámbito mercantil coma en materia concursal, foron tamén comentadas brevemente, en primeiro lugar, a nova figura mercantil, o emprendedor de responsabilidade limitada, así como a sociedade limitada de formación sucesiva e os trámites para o inicio, exercicio e cesamento da actividade. En canto ás modificacións na Lei Concursal, a explicación centrouse nos Acordos de Refinanciamento Formal e o Acordo Extraxudicial de Pagamentos, protagonizado pola nova figura do mediador concursal. Por último, tivo lugar unha breve exposición sobre os instrumentos e organismos comerciais e de apoio á empresa.
As novidades laborais centráronse fundamentalmente, en medidas de fomento ao emprego por conta propia, medidas de apoio ao crecemento de proxectos empresariais e medidas de facilitación e axilización da entrada e permanencia en España, para estranxeiros non comunitarios que vaian desenvolver actividades profesionais cualificadas de interese económico para España.
Por último, analizáronse as novidades xurídico-administrativas que introduce esta Lei, en concreto respecto á simplificación de cargas administrativas (directrices xerais e medidas concretas de redución de cargas e trámites administrativos) e respecto ás medidas de impulso á contratación pública cos emprendedores (medidas e obxectivos perseguidos: unións de empresarios; garantías na contratación; etc.).











