A CEO acolleu unha charla para interpretar a factura eléctrica
Esta tarde celebrouse na CEO outra sesión dentro do ciclo dedicado á Eficiencia Enerxética no Sector Servizos. Hoxe a quenda foi para “A interpretación da factura eléctrica”, a cargo de Rodrigo López, quen deu a coñecer aos asistentes a cadea de valor do Sistema Eléctrico Español, cuxos compoñentes dependendo da función que desempeñen, divídense nos seguintes apartados: xeración, transporte, distribución e comercialización. Ademais o relator explicou que esta cadea ten dous fluxos, un físico e outro económico.
Rodrigo López, responsable de Xestión da Enerxía en Fenie Energía, comentou tamén que empresas teñen maior cota de mercado dentro de España, e cales eran as posibles tarifas dispoñibles dentro do mercado, así como os compoñentes en certa medida invisibles que se cargan no prezo final das facturas.
Na charla establecéronse as diferenzas entre a Tarifa de Mercado Libre, onde a oferta e a demanda se desenvolven con ampla autonomía; e a Subministración de Último Recurso, onde se acollen aqueles clientes que non están ao tanto das numerosas comercializadoras que ofrecen os seus servizos no sector eléctrico.
Un dos aspectos máis destacables da conferencia foi a explicación que deu o relator sobre cada un dos compoñentes da factura que se remite aos consumidores, debullando cada un dos seus apartados, e facilitando a maiores unha serie de consellos que permitan optimizar o uso da enerxía no ámbito particular.
Mañá o ciclo tocará á súa fin con outro taller, a partir das 10 horas, sobre as Enerxías Renovables, da man de Alejandro García, titulado en Ciencias Políticas e da Administración e actual responsable das operacións de réxime especial en Fenie Energía.











