A Casa das Palmeiras de Neda acolle a presentación da última obra de Luis Folgado de Torres
A Casa das Palmeiras de Neda acollerá este sábado, 5 de outubro, a presentación da obra “El hombre que compraba gigantes”, do escritor extremeño Luis Folgado de Torres. Unha cita cultural promovida pola Asociación artístico-cultural Mesturas coa colaboración do Concello que principiará ás oito do serán con entrada libre e á que asistirá a concelleira de Cultura, Eva Olmo.
Luis Folgado de Torres é psicólogo, xornalista e escritor e conta cunha ampla traxectoria literaria. A súa última obra é unha ficción histórica na que o seu protagonista, un xigante –Agustín Luengo Capilla-, aqueixado de acromegalia –crecemento desmesurado e crónico das faccións e extremidades– existiu realmente. De feito, os seus ósos –chegou a medir preto dos 2,5 metros– exhíbense no Museo Nacional de Antropoloxía. Luis Folgado recupérao dende a memoria dunha España profunda e depauperada, no marco dun século XIX que agonizaba, e presenta unha historia que vai moito máis aló de ser reflexo máis ou menos fiel dunha biografía ou o retrato dunha época. Unha obra seria e ambiciosa sobre a condición humana.











