A Casa das Ciencias e a Agrupación Astronómica Io organizan o próximo domingo unha observación pública da eclipse de Sol
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa da observación pública da eclipse de Sol do próximo domingo, 3 de novembro, que organizan a Casa das Ciencias e a Agrupación Astronómica Io.
A eclipse será total en lugares situados sobre unha estreita franxa que percorre o Océano Atlántico, entra en África por Gabón e a cruza ata Somalia. Dende España verase como unha eclipse parcial, é dicir, que a Lúa só ocultará unha pequena parte do disco solar. Isto implica que nas nosas latitudes non se producirá un descenso acusado dos niveis de luz e o fenómeno pasará inadvertido salvo para os que dispoñan de medios para observar o Sol de forma segura.
Por iso, a Agrupación Astronómica Coruñesa Io e os Museos Científicos Coruñeses organizan unha observación conxunta. Dende as 11.00 ás 14.00 horas, as persoas que se acheguen á Casa das Ciencias poderán -se está despexado- observar o Sol a través de telescopios especiais e diversos sistemas de proxección. Simultáneamente, no Planetario proxectaranse imaxes da eclipse noutras latitudes e daranse explicacións sobre a orixe destes fenómenos e o seu impacto na humanidade. Durante toda a mañá a entrada ao planetario será gratuíta para todos os visitantes que adquirisen a entrada á Casa das Ciencias.











