A Casa das Campás acolle mañá o recital do Obradoiro “Con barqueira e remador”
A Casa das Campás acolle mañá a partir das 20.00 horas o recital poético multilingüe “Atendendo ó meu amigo” incluído dentro o segundo Obradoiro de traducción poética “Con barqueira e remador” co que colabora o Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Cultura.
Este é o primeiro do programa de actos incluídos na segunda edición deste obradoiro internacional de tradución poética, que se está a celebrar durante esta semana na illa de San Simón, logo dunha exitosa primeira edición que tivo lugar no outono de 2012. Aloxado e inspirado na illa de San Simón, o evento titúlase II Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador” e é unha iniciativa pioneira no país aínda que concibida a semellanza de outras moitas que se celebran no mundo, e que xa se está a converter nunha cita anual en Galicia.
Está dirixido a participantes chegados dende diversas linguas e de ata tres continentes. Congregará a sete poetas de recoñecido prestixio en lingua estoniana, inglesa/española, francesa, turca, asturiana, húngara e galega.
Todos cumpren o dobre perfil de seren poetas recoñecidos/as dentro dos seus sistemas literarios e, á vez, solventes tradutores/as literarios con obra publicada ás súas costas.
Os poetas convidados son: Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (EE.UU.), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia).
E para que os convidadas teñan a ocasión de coñecer máis de preto o tecido cultural do país e tomar contacto cos nosos públicos, desevolverase un programa de actividades organizadas en colaboración con distintas entidades e organismos presentes na Galicia sur para os seráns desa semana de outubro. Serán dous recitais multilingües (chamados “Atendendo ao meu amigo”) e unha mesa redonda (“Cercando as ondas. Tradución poética en mans de poetas”), todos eles actos abertos e gratuítos.
O primeiro deses recitais é o que acollerá a Casa das Campás mañá pola tarde. Esta lectura de poemas constituirá a mellor mostra do traballo poético dos autores e autoras así como da tradución ao galego.











