A biblioteca ferrolá acollerá dúas conferencias sobre Verdi e Wagner para conmemorar o seu nacemento
O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, presentou esta mañá as diferentes actividades que conmemorarán o aniversario do nacemento de Giuseppe Verdi e Richard Wagner. Esta iniciativa promovida pola Sociedade Filarmónica Ferrolana conta coa colaboración do Concello de Ferrol. O edil ferrolá estivo acompañado pola conferenciante das xornadas, Julia María Dopico Vale; e a representante da Sociedade Filarmónica Ferrolana, Flor María Castro.
Estas actividades constan de dúas charlas sobre os virtuosos do romanticismo. Así, o vindeiro mércores día 30 de outubro se celebrará a conferencia sobre Giuseppe Verdi, mentres que o 13 de novembro será a de Richard Wagner. Ámbalas dúas conferencias, impartidas por Julia María Dopico Vale, terán lugar na Sala Audiovisual da Biblioteca Municipal Central, situada na Praza de España, a partir das 19:30 horas. Ademais, durante os días anteriormente citados, todos os usuarios da biblioteca terán á súa disposición unha ampla mostra discográfica e bibliográfica para o préstamo.
García Hurtado encomiou o traballo da Sociedade Filarmónica Ferrolana “a entidade máis antiga con vida continua dende os anos 40”. Así mesmo, o concelleiro sinalou que esta entidade “capitanea fai anos a música clásica no Teatro Jofre e agora se achega á música, dunha maneira innovadora, co emprego da palabra a través de conferencias para conmemorar o aniversario de nacemento de Verdi e Wagner”.
Pola súa banda, Julia María Dopico Vale, quixo agradecer ao Concello de Ferrol “que pensaran en min para levar a cabo estas xornadas sobre os grandes colosos da música romántica”. A conferenciante explicou que se analizará a obra de Verdi e Wagner e se proxectará unha montaxe audiovisual inédita. Ademais, indicou que se está recoñecendo a estes grandes músicos ao longo de todo o mundo “e Ferrol súmase á conmemoración a través desta actividade”.











