A Aula CeMIT de San Sadurniño ofrecerá cursos sobre procesado de textos e videoconferencias durante o mes de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O tratamento de textos con software libre e o uso da plataforma Skype para establecer videoconferencias gratuítas serán os dous cursos estrela da aula CeMIT para o mes que entra. Impartiranse en San Sadurniño, onde tamén hai programada unha acción formativa sobre aplicacións de emprego e formación a través do móbil. Por outra banda, no local social de Bardaos impartirase un obradoiro de iniciación á Internet cunha duración de 10,5 horas.

O curso de Bardaos desenvolverase os martes e xoves de novembro en dous grupos, un desde as 16 ata as 17.30h. e outro de 18 a 19.30h. Nel mostraranse aspectos básicos sobre o manexo dun ordenador, a navegación pola rede, a busca de información e sobre como crear e xestionar unha conta de correo electrónico. Trátase dunha formación básica para persoas que nunca antes sentaran diante do ordenador e, igual que ocorreu en Naraío ou Santa Mariña, parte das prácticas faranse sobre a web falamedesansadurnino.org, onde veciños e veciñas do Concello publican imaxes e comentarios ao respecto do pasado e presente do noso territorio. Este curso repetirase en Ferreira durante o mes de decembro.

Por outra banda, en San Sadurniño ofreceranse tres obradoiros. O primeiro os días 4, 6, 8 e 11 de novembro centrado na creación de documentos e carteis co procesador de textos Writer. O programa informático é unha parte da suite de software libre Open Office. Con el poden facerse as mesmas cousas -e incluso máis- que con outras aplicacións de pagamento, como son o Microsoft Office ou o Pages. Ademais, ao ser software libre pode descargarse de balde e a súa evolución e mellora é constante.

A formación que se impartirá en San Sadurniño tratará sobre como formatear textos -tipos de letra, cor, subliñados, etc.-, sobre o uso do corrector ortográfico -que tamén está dispoñible en galego- ou, entre outras opcións, sobre como preparar un documento para que quede atractivo.

O seguinte curso está programado para os días 13, 15 e 18 en horario de 10 a 12h. Aprenderemos a crear unha conta na plataforma Skype e a facer chamadas de longa distancia con video incluído sen pagar un peso. É unha ferramenta moi útil para comunicarse cos parentes que están lonxe, xa que a calidade do son e a da imaxe son excelentes e, máis que nada, porque podemos botar de parola o tempo que queiramos sen preocuparnos da factura do teléfono.

A última acción formativa programada pola Rede CeMIT conta coa colaboración da Oficina de orientación laboral e versará sobre as aplicacións dispoñibles para a procura de emprego e de formación a través do teléfono móbil. Durará 6 horas e impartirase os días 25, 27 e 29 en horario de 10 a 12 h.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas actividades hai que contactar coa Aula CeMIT, situada na Casa de Cultura. Tamén se pode chamar á súa responsable ao 616 016 793, mandarlle un correo cemit.sansadurnino@xunta.es ou ben entrar na web https://cemit.xunta.es/

29 de outubro de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.