A Asociación local de Autotaxis da Coruña expón as necesidades do seu sector

Belén do Campo na reunión coa Asociación Local de Autotaxis da Coruña
A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo con representantes da Asociación Local de Autotaxis da Coruña, que preside Manuel Sánchez Quindimil, para abordar a situación pola que atravesa o sector e recoller a súas propostas para mellorar a súa competitividade.
No encontro, Do Campo e Quindimil analizaron o acordo polo que as dúas centrais do taxi que operan na cidade da Coruña e a súa área de influencia –Tele Taxi e Radiotaxi- prestan servizo á Administración autonómica, en concreto no eido da Xustiza, con traslados de xuíces e fiscais, de funcionarios para as labores de notificacións xudiciais ou de forenses pertencentes ao Imelga, fundamentalmente. A delegada territorial comprometeuse a levar a cabo a revisión do documento, co fin de establecer un reparto equitativo e mellorar a xestión do servizo en función do número de asociados de cada central. Neste senso, ofreceulle ao colectivo todo o diálogo e colaboración do seu departamento co fin de acadar o máximo consenso posible, que redunde, en definitiva, nun incremento da eficiencia na xestión dos recursos públicos e na optimización da atención que actualmente se ofrece desde o Goberno galego aos cidadáns.
Na mesma liña, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia e o portavoz dos taxistas da cidade aproveitaron o encontro para analizar a chamada nova Lei do Taxi, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que entrou en vigor nesta lexislatura. Neste senso, Quindimil trasladou a satisfacción do sector que representa coa aplicación novo regulamento propio, do que carecía ata o momento.
Entre as vantaxes da normativa está a de aportar seguridade xurídica a un sector que representa a 4.000 taxistas, a 138 vehículos de arrendamento con condutor e a miles de usuarios. Do Campo recordou que o texto harmoniza os requisitos que deben cumprir todos os taxis en Galicia, tanto no ámbito urbano como interurbano. Co documento –apuntou- establécese o procedemento para obter a licenza municipal necesaria para facer servizos dentro do núcleo urbano e coordínase esta competencia coa autorización autonómica para realizar servizos interurbanos, entre outras cuestións.1
Desde o punto de vista de vantaxes para os usuarios, a delegada subliñou que o texto prevé a posibilidade de interconectar cun único número todos os servizos de radiotaxi; aposta por mellorar o nivel de accesibilidade do servizo a persoas con mobilidade reducida, tanto mediante a progresiva adaptación dos vehículos como a través da axuda que deben prestarlles os condutores; e prevé a paulatina implantación de taxímetros que emitan sinais perceptibles para as persoas que o necesitan.











