A asociación Buxos Verdes clausura cun magosto e foliada a exposición de traxes tradicionais do seu 25 aniversario
A asociación folclórica Buxos Verdes (Senra-Cardama) clausurou na noite de onte mércores a exposición de traxes tradicionais coa que conmemorou o seu 25 aniversario e que foi moi visitada polos veciños e veciñas de Oroso durante este mes de outubro no centro cultural de Sigüeiro. A mostra foi clausurada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, a quen a presidenta de Buxos Verdes, Mari Carmen Fernández, fixo entrega dunha pandeireta conmemorativa da ocasión en agradecemento pola colaboración do Concello de Oroso na celebración desta exposición.
Manuel Mirás felicitou aos membros de Buxos Verdes pola súa traxectoria ao longo destes 25 anos e convidounos a “seguir con este traballo porque estades facendo máis grande o noso folclore”. A mostra clausurouse cunha actuación musical a cargo dos rapaces e rapazas de Buxos Verdes, á que seguiu un pequeno magosto.
Buxos Verdes
A agrupación folclórica Buxos Verdes nace en 1988 grazas á iniciativa duns veciños e veciñas das parroquias de Senra e de Cardama aos que lles gustaba moito a música. Dez anos despois, sendo xa unha agrupación consolidada e formada por 20 membros, crea un grupo de gaitas integrado por nenos e nenas da zona unidos por un interese común: recuperar, difundir, transmitir e conservar o folclore tradicional galego.
Na actualidade, a agrupación está formada por unhas 35 persoas, repartidas entre o corpo e baile, o grupo de gaitas e o grupo de pandereteiras. O grupo de pandereteiras e o de gaitas interpretan pasodobres, rumbas, polcas, marchas e cantos populares de transmisión oral que poñen de manifesto a riqueza cultural do noso país.











