publicidade hoxe

A arqueograstronomía do mar situará á hostalería de Vimianzo como referente na Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVimianzo
A-
A+

Dos case 250.000 menús que cada ano se serven nos restaurantes de Vimianzo, desde este outono, moitos deles terán sabor castrexo e medieval grazas ao proxecto de dinamización turística financiado con fondos europeos “Vimianzo. Do mar á terra”. O alcalde, Manuel Antelo, foi o encargado de presentar está mañá en rolda de prensa as accións levadas a cabo en meses pasados no marco desta iniciativa.

Entre elas, a elaboración dun receitario de pratos castrexos (Idade do Ferro) e menús medievais realizado polos propios hostaleiros vimianceses co asesoramento do cociñeiro Miguel Silvarredonda e dos malacólogos, Víctor Bejega García e Eduardo González Gómez de Agüero, doctorandos da Universidade de León. Tras un exhaustivo labor de investigación na Costa da Morte, estes dous arqueólogos, especializados en arqueozooloxía, elaboraron un receitario dos ingredientes e o tipo de cociña que empregaban os habitantes dos castros e os castelos de Vimianzo. En total, os doce hostaleiros vimianceses recibiron unhas 100 horas de formación cada un.

Pescada en verza con cabaza, mexillóns con herbas aromatizadas, crema de fariña de trigo con orella e mexillóns, potaxe castrexo, empanada medieval,… son algunhas das delicias que se degustarán na Rede de Hostaleiros de Vimianzo a partir de mediados de novembro. Clientes e turistas terá a posibilidade de realizar unha ruta gastronómica con sabor a cociña da antano, na que se mesturan a historia, o sabor xenuíno e o produto da Costa da Morte. As novas elaboracións culinarias dos restauradores vimianceses tamén están dispoñibles en versión audiovisual na páxina web do proxecto baixo o nome de “Telerreceitas”.

O vindeiro venres 8 está prevista a organización dunha demostración culinaria en vivo no castelo de Vimianzo durante a que se elaborarán varias das receitas referidas.

Os establecementos integrados na Rede son Casa Sabina, O Retiro de Barboles, restaurantes Pastoriza, O Castillo, Vía Rápida, Celme Café, Casa Landeira, Café Bar Requeiro, Quilmes e as panaderías Sampedro, Antoxos e Pan Ignacio.

Menos xabaril e máis peixe

En contra da imaxe que se ten da época castrexa, máis que de xabaril, os nosos antepasados alimentábanse de vexetais, leguminosas e cereais que en Vimianzo, pola proximidade co mar, se complementaban con moluscos e peixes, ademais dalgunhas proteínas da carne ou dos lácteos. De feito, o mar ten unha grande importancia na época castrexa, chegando incluso a importar os seus produtos ao interior, igual que acontecería máis tarde na época medieval desde os portos de Laxe, Camariñas ou Muxía.

O mar sempre está presente na gastronomía vimiancesa, pero sobre todo no Medievo por imposición da relixión católica e a prohibición de non comer carne nos máis de 70 días de Coresma do ano. Se algo caracterizou á comida desta época foi o uso de especias e salsas ácidas, quizais para enmascarar o mal olor dos alimentos, ou as técnicas de conservación do peixe como o secado, o salgado, o afumado ou o escabechado. Adoptáronse costumes que hoxe conserva a cociña tradicional galega como poñer ensaladas antes das comidas, acompañar a carne e o peixe con vexetais en lugar de ao revés, como se facía na Idade do Ferro. Seguiron preparando guisos e sopas, pero xa é habitual atopar pratos a base dun peixe enteiro, moluscos cocidos ou o aproveitamento das sobras en forma de albóndegas ou empanadas.

Hai que recordar que a arqueogastronomía é a base de “Vimianzo. Do mar á terra”, un concepto a través do que poñer en valor a relación ancestral que o municipio ten co mar desde a época castrexa, a pesares de non contar cos quilómetros de costa e a tradición pesqueira doutros veciños da Costa da Morte. Historicamente, Vimianzo foi un núcleo no que se encontraba a terra e o mar, un cruce de camiños para os mariñeiros que levaban os seus produtos cara á outros mercados. Este proxecto seguiu as pegadas na historia do peixe e do marisco da Costa da Morte para deixar constancia de que os castrexos do val de Soneira ou os habitantes dos pazos e do castelo xa contaban cunha cultura gastronómica na que os produtos do mar da comarca tiñan gran relevancia.

Nova web e merchandising

Así, o obxectivo do proxecto “Vimianzo. Do mar á terra” foi definir un produto turístico encamiñado a deseñar propostas experienciais vencelladas ao ecoturismo, á gastronomía e ao importante carácter histórico da capital soneirana. Deste xeito, leváronse a cabo unha trintena de cursos formativos para a mellora competitiva do sector turístico e hostaleiro local, a edición de material

divulgativo dirixido á poboación en xeral, impresión de merchasing (mandís, bolígrafos, cadernos de comanda, cartas de restaurante, pousavasos, salvamenteis, bolsas de papel, pegatinas e chapas) e a instalación dunha rede de puntos informativos multimedia en tres idomas (galego, castelán e inglés) distribuídos nos establecementos hostaleiros.

Toda a información sobre “Vimianzo. Do mar á terra” está contida na nova páxina web www.domaraterra.com, tamén nos idiomas galego, castelán e inglés, e en redes sociais, principalmente Facebook e YouTube, entre outras. No sitio web pódense atopar ademais os tres vídeos producidos no marco deste proxecto: “Do pasado ao presente”, “Do mar á terra” e “Do mar ao prato”, que fan un percorrido visual sobre a vinculación histórica de Vimianzo co mar e coa cultura gastronómica ancestral xurdida dos recursos marítimos. Entre os entrevistados, contouse coa colaboración e testemuño do historiador local, José María Lema; do mariñeiro, Manuel Castro Barcia; do cociñeiro, Manuel Silvarredonda; e dos malacólogos Víctor Bejega e Eduardo González

Así mesmo, co fin de implicar aos veciños, sobre todo aos máis novos, levouse a cabo un traballo de sensibilización sobre aspectos como o consumo responsable de peixe, a posta en valor dos produtos de baixura cunha visita á lonxa de Laxe ou a divulgación das mellores épocas para as diferentes especies que se comercializan na Costa da Morte.

“Vimianzo. Do mar á terra” é unha iniciativa promovida polo Concello de Vimianzo e financiada polos fondos europeos do Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, GAC3, que busca a valorización dos produtos do mar como recurso turístico a través da gastronomía.

29 de outubro de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.