A ampliación do centro educativo do Milladoiro vai según o previsto

Visitando as obras do centro educativo do Milladoiro
O concelleiro de Educación de Ames, Bernardo Moar, visitou o CEP de Ventín, situado na localidade do Milladoiro, para comprobar o avance das obras de ampliación do centro educativo. Na súa visita, o concelleiro de Educación mantivo unha reunión co director do centro educativo, Alfredo Rodríguez.
Tras a visita ao colexio, Bernardo Moar destacou “o avance dos traballos de ampliación do centro educativo, onde xa se retirou a grúa, rematouse a división das aulas e se está levando a cabo o pintado do interior das novas instalacións”. O concelleiro explicou que estas obras permitirán que o CEP conte cun total de 8 aulas novas, 3 aulas de apoio e un salón de actos.
A ampliación do CEP de Ventín permite incrementar o número de unidades do centro, o que permitirá dar servizo a 150 alumnos e alumnas máis. Para iso, ampliouse a ala sur do colexio tanto en superficie, anexando unha zona totalmente nova, como en altura, incrementando unha planta en toda a superficie. A nova superficie resultante aloxará 8 aulas de educación primaria, apoio e desdobre, así como un patio cuberto. Por outra banda, modificouse a distribución actual do edificio reubicando determinados espazos; e deuse unha renovación xeral das instalacións, de tal forma que se actuou na totalidade da edificación, mellorando o sistema de calefacción e renovando o de electricidade.
O concelleiro de Educación tamén fixo fincapé en que “as obras se están desenvolvendo con normalidade fóra do horario lectivo”. Bernardo Moar lembrou que “se trata dunhas obras de ampliación moi demandadas pola veciñanza amiense e que permitirán dar resposta ás necesidades que presenta o centro educativo”. Ademais, agradeceu o esforzo realizado pola Consellería de Educación e pola empresa construtora.











