A ampliación do CEIP Bergantiños estará lista en febreiro de 2014

Visita ás obras
Os traballos de mellora do CEIP Bergantiños da capital municipal, en marcha dende hai varios meses, estarán rematados co equipamento necesario e coas instalacións listas para poñelas a disposición da comunidade educativa en febreiro de 2014. Así o asegurou o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que vén de visitar o centro para comprobar o avance das obras. Esta mellora, xunto coas achegas en implantación de programas educativos, supón un investimento de 1.140.000 euros, aos que haberá que sumar outros 30.000 para dotar o equipamento. Respecto da data en que o alumnado poderá gozar das novas aulas, será o claustro o que tome a decisión, aínda que segundo explicaban as autoridades educativas o máis probable é que en principio sexan aproveitadas no curso 2013-2014 por nenos e nenas xa escolarizados no centro mentres que habería novas incorporacións de alumnado e profesorado de cara ao curso 2014-2015. O Conselleiro foi recibido polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pola Concelleira de Educación, Mar Eirís, pola directora do centro, María Elena Civeira, e por outros membros da corporación e estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, polo Xefe Territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, e polo diputado Aurelio Núñez Centeno. Os traballos de ampliación que se están realizando suporán a creación dun novo aulario de Educación Infantil nun edificio independente na mesma parcela do CEIP Bergantiños. O edificio está concibido para albergar nove aulas dispostas arredor dun patio axardinado con aseos especiais para nenos e nenas incorporados, aseo e sala de profesores, unha aula de usos múltiples e psicomotricidade, ademais de zonas de acceso e almacenamento. Deste xeito o novo espazo poderá acoller a 225 alumnos e alumnas e así axudar a solucionar os problemas de escolarización que se presentan cada curso no municipio. Respecto da marcha das obras, actualmente xa está rematada a estrutura da edificación e estanse a realizar os tabiques de ladrillo e o peche da fachada.
Iniciativa de apoio e acompañamento a alumnado
O Conselleiro aproveitou a visita para lembrar que o centro participa na iniciativa de contratos-programa que o curso pasado implicou a preto de 50 estudantes na liña de reforzo, orientación e apoio, na modalidade de acompañamento fóra do horario escolar. Así mesmo, subliñou que tanto o comedor do CEIP Bergantiños como o do CEIP Gándara-Sofán están sendo asumidos este curso pola Consellería co obxectivo de conseguir que a xestión do servizo sexa pública na súa maioría. Respecto da desaparición de Escolas Unitarias no rural, como no caso da EEI de Vilela este curso, Vázquez Abad explicou que estes casos prodúcense cando os centros contan con menos de cinco alumnos, o que ocorría nesta Unitaria de cara ao curso 2013-2014.











