A agrupación de libreiros ourensáns inicia o programa “Avó, cóntame un conto” para recuperar a figura dos avós no fomento da lectura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Habituar a un neno ao pracer da lectura vai moito máis alá dun mero código ou descrifrado de carácteres. Para iso conxúganse sentimentos, xestos, proximidade… por iso, os contos narrados polos avós con cariño, mimos, xogos e ilusión permanecen na memoria mesmo dende moito antes de aprender a ler, porque os avós son os verdadeiros narradores de contos, de historias e de sonos.

A Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense puxo en marcha este proxecto para que os avós sigan contando contos, eses avós que comparten cos seus netos xogos e tardes no parque, conversacións e confidencias.

Con este proxecto os libreiros organizaron un itinerario literario polas librarías da cidade e os lectores dos contos serán, por suposto, avós/ás que, desinteresadamente, queiran prestarse para ler ou contar un conto aos nenos. O primeiro cuentacuentos e a presentación desta iniciativa terán lugar o próximo xoves, 31 de outubro ás 19 horas, no Centro Municipal de Cultura José Ángel Valente (antigo Banco de España).

Ademais doutras autoridades, no acto estará presente o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, que será o encargado de inaugurar o programa de cuentacuentos.

Os convites para asistir ás distintas sesións (que terán lugar durante todo o mes de novembro) estarán a disposición nas librarías participantes os días antes da data fixada, e en cada unha delas realizarase a lectura dun conto distinto.

29 de outubro de 2013 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.