A actualización de ordenanzas amiense supón a conxelación da contribución e das taxas da auga e saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+

O Executivo amiense levará esta tarde ao pleno ordinario do mes de outubro unha proposta para actualizar un total de 20 ordenanzas. Esta actualización de prezos, que supón dar cumprimento ao Plan de Axuste 2012-2022 aprobado no seu día polo pleno, non inclúe as taxas que afectan a un maior número de veciños e veciñas de Ames. Polo tanto, no vindeiro exercicio fiscal de 2014 manteranse conxeladas as taxas da auga e saneamento e o Imposto de Bens Inmobles (a contribución), que non experimentarán subida algunha.

As modificacións propostas polo Executivo amiense, que foron trasladadas o pasado día 16 de outubro á oposición para que trasladasen as súas achegas, aínda que nese período de tempo non se realizou ningunha, supoñen a incorporación de melloras técnicas e formais na maioría de ditas ordenanzas e na actualización de prezos segundo o IPC interanual de xullo de 2012 a xullo de 2013, que é do 1,8%, en dez delas.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que con esta proposta “o Goberno amiense está dando cumprimento ao Plan de Axuste 2012-2022 e por iso ten que propoñer esta actualizacións de prezos”. Con todo, fai fincapé en que “esta actualización supón menos de 1,5 euros anuais por veciño e non terá efecto sobre as taxas que afectan á inmensa maioría dos veciños e veciñas amienses: a auga, o saneamento ou a contribución”.

O rexedor destaca, ademais, que o Goberno amiense “foi advertido polos servizos económicos municipais da necesidade de dar cumprimento a un Plan de Axuste que, a pesar de ter unha duración de dez anos, se atopa agora nunha fase moi previa”. Santiago Amor subliña que, “de feito, os servizos económicos advertironlle ao Goberno amiense, e así llo trasladaron tamén aos membros da oposición, do perigo que suporía para as arcas municipais non dar cumprimento ao plan de axuste e de que esa opción non era recomendable”.

Emerxencia social

Con respecto ás novidades propostas para as ordenanzas, o Executivo amiense destaca que se contempla a modificación da ordenanza fiscal xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público do Concello de Ames. Esta modificación ten como obxectivo que os suxeitos pasivos e/ou usuarios do servizos que se atopen en situacións de emerxencia social e teñan débedas pendentes de pagamento co Concello poidan ser beneficiarios das bonificacións, reducións e/ou exencións previstas cando se dean situacións de emerxencia social. Polo tanto, nesta proposta do Executivo municipal está incluída a posibilidade de exencións para persoas que estean en situación de emerxencia social e a posibilidade de fraccionamento de pago para todas aquelas persoas que acrediten que non lle poden facer fronte debido á súa situación económica.

Outras cuestións

No pleno ordinario de outubro trataranse tamén as alegacións presentadas á aprobación da relación de bens e dereitos afectados polo procedemento de expropiación urxente da obra Abastecemento Ames e Brión (1ºFase). Esta relación foi aprobada por unanimidade no pleno de setembro e sometida a información pública no Boletín Oficial da Provincia e notificada aos propietarios.

Ademais, abordarase a aprobación da Conta Xeral de 2012, que foi ditaminada favorablemente pola Comisión Especial de Contas o pasado 26 de agosto e tamén sometida a exposición pública. Esta conta reflicte que o Concello de Ames pechou o exercicio 2012 cun remanente de tesourería de máis de 190.000 euros, o primeiro positivo desde o ano 2006, e unha cifra significativa despois de que na última liquidación o remanente de tesourería alcanzara un rexistro negativo récord de máis de -2.100.000 euros.

Por último, tratarase a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames.

31 de outubro de 2013 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.