A actividade de dinamización lingüística “Acuario” chegará á Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha acollerá este xoves a actividade denominada Acuario, unha proposta dirixida ao público infantil que ten por obxectivo esencial a promoción da lectura entre os nenos.

Acuario é un espectáculo teatral baseado no libro de poemas do mesmo título da ceense María Canosa, escritora e dinamizadora cultural galega de referencia que tamén é coñecida pola súa participación nos programas da Televisión de Galicia Cifras e letras e Verbas van xunto a Jorge Mira e Paco Lodeiro.

A posta en escena será este xoves a partir das 19.00 horas na sala de exposicións situada no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Contarase coa presenza da propia María Canosa, ademais de tres actores da compañía Teatro dos Ghazafellos: Pepablo Patiño, Montse Piñón e Jorge Casas.

A actividade Acuario está incluída no programa Falaredes 2013 que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. O Concello da Laracha acollerá este espectáculo ao estar adherido á Rede de Dinamización Lingüística.

Non se require de inscrición previa e a asistencia é gratuíta para o público.

22 de outubro de 2013 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.