66 establecementos e 109 petiscos participan na VI edición de Santiago(é)tapas

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

O Santiago(é)Tapas vai contar con 66 establecementos e 109 petiscos a concurso na súa sexta edición, que se vai desenvolver entre o xoves 7 e o domingo 24 de novembro.

Esta semana, o Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela acolleu o traballo de preselección de candidatos; as súas propostas pasaron por un filtro de calidade e de adecuación ás bases do concurso. A esa fase previa presentáranse 67 establecementos e 116 petiscos.

Unha vez rematado o seu traballo anónimo, o xurado de preselección salientou que: “mellorou o nivel medio das tapas presentadas; reduciuse o número de tapas excluídas respecto a outros anos e mantense un grupo cun nivel altísimo de calidade”.

O xurado do concurso vai incluír cociñeiros, xornalistas gastronómicos e seareiros do Santiago(é)Tapas que se inscriban nesta opción a través das redes sociais sociais twitter @santiagoetapas e facebook.com/santiagoetapas. A fidelidade dos afeccionados ao Santiago(é)Tapas é un dos puntos fortes dun concurso que é referencia en Galicia.

Hostelería Compostela organiza e promove este concurso, co patrocinio de Turismo de Santiago e a colaboración de diferentes empresas do sector agroalimentario e turístico.

Mecánica do concurso

Para o público, o Santiago(é)Tapas repetirá a súa mecánica habitual. Os clientes dos distintos locais poderán probar as tapas a un prezo único de 2 euros e, selando o seu tapasporte, optarán a numerosos premios directos ao completar as distintas (é)tapas e sorteos. O seu pousavaso servirá como papeleta para votar a calidade do petisco.

O mapa de Santiago volverá dividirse en (é)tapas. As (é)tapas son os roteiros nos que se agrupan os distintos locais participantes, segundo criterios de proximidade.

En total, hai seis premios distintos para os distintos establecementos. O xurado profesional establecerá catro premios, ás tres mellores tapas e unha á mellor tapa elaborada con conservas.

Pola súa banda, o público, cos seus votos nos pousavasos depositados nas urnas, será quen escolla a Tapa do Público e o Premio do Público (é)xcelente ao establecemento máis valorado como experiencia global de cliente.

Coa finalidade de que os visitantes e turistas que se atopen na cidade nas datas do Concurso tamén gocen del, o Tapasporte Express será unha versión reducida e intensiva do Tapasporte.

20 de outubro de 2013 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.