267 persoas participaron na cea benéfica contra o cancro que acolleu Pazo de Mella

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreCarralLocal Portada
A-
A+
Cea contra o cancro no Pazo de Mella

Cea contra o cancro no Pazo de Mella

Un total de 267 persoas participaron onte á noite na cea benéfica contra o cancro que acolleu o Pazo de Mella, situado no municipio coruñés de Cambre. Para os promotores da iniciativa, a xunta local da AECC de Carral, a iniciativa foi “todo un éxito” posto que evidenciou unha grande “implicación” de moitos veciños da zona, así como doutros “estremeiros” e “foráneos”.

Ademais, segundo se puxo de manifesto dende a xunta local da AECC de Carral, moita xente anónima realizou donativos para colaborar coa causa, aínda sen poder asistir á cea, o que incrementou a recadación prevista (o prato fixárase en 40 euros por persoa).

Os fondos obtidos ingresaranse na conta da Xunta Provincial da AECC da Coruña e destinaranse a promover accións de prevención, investigación e concienciación contra o cancro. Paralelamente, destinaranse fondos a fomentar accións de axuda e apoio psicolóxico a enfermos de cancro e aos seus familiares, dentro da bisbarra de Carral.

Agradecementos

Dende a xunta local de Carral da AECC quíxose agradecer ademais a organización e a actitude filantrópica mostrada polas empresas colaboradoras na iniciativa como Floraría Roberto del Toro ou Pazo de Mella. Precisamente, favorecer accións promovidas polas ONG do seu ámbito é unha das liñas de responsabilidade social corporativa que desenvolve Pazo de Mella.

O Pazo de Mella é un conxunto histórico-artístico que data de principios do Século XIX. Consta dun terreo de dúas hectáreas e media nos cales se sitúan varias edificacións. Dende xuño de 2013 e tras oito anos de traballos de rehabilitación, o Pazo de Mella é un dos centros de referencia na bisbarra para a celebración de eventos e congresos, así como de turismo vacacional.

27 de outubro de 2013 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.