publicidade hoxe

22 desempregados de Cotobade, Campo Lameiro e Cerdedo beneficiaranse do obradoiro de emprego da Conca do Lérez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroCerdedoCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O primeiro obradoiro de emprego da Conca do Lérez, que comezou hoxe, beneficiará a 22 persoas desempregadas dos concellos de Campo Lameiro, Cotobade e Cerdedo, que compartirán esta actuación na que o Goberno galego está a investir preto de 200.000 euros.

A directora xeral de Formación e Emprego, Ana María Díaz López, inaugurou hoxe en Cerdedo esta iniciativa mixta de formación e emprego na que os participantes poderán formarse e acadar un posto laboral nas especialidades de atención sociosanitaria no domicilio e en traballos forestais. Díaz López destacou que son profesións que contan “cunha porcentaxe de inserción laboral por riba da media”.

A directora xeral destacou, ao respecto, que estas actuacións que financia a Consellería ofrecen aos seus participantes unha formación adecuada á demanda real do mercado laboral actual e, polo tanto, afirmou que sempre se dá prioridade a aquelas actividades que son máis susceptibles de xerar novos empregos.

Explicou, así mesmo, que ao tempo que os participantes reciben formación e acadan un posto laboral, a comunidade benefíciase dos labores que levan a cabo.

Deste xeito, con este obradoiro levaranse a cabo actuacións sobre a ribeira do río Meneses e do río Lérez; crearase unha ruta de sendeirismo e recuperaranse áreas degradadas en Campo Lameiro; acondicionaranse os grupos arqueolóxicos de Castro de Penalva, Rotea, Chan da Lagoa e Matabois; instalaranse zonas de viveirismo en Campo Lameiro e Cerdedo; acondicionarase a ruta de sendeirismo Frei Martín Sarmiento; realizaranse labores de repoboación no monte Barcia-Batán-Baiuca e mantemento de zonas verdes en Cerdedo; e, por último, prevese o desenvolvemento de actuacións silvícolas na Praza do Concello de Cerdedo e na área recreativa e parque público de Tomonde.

Así mesmo, a directora xeral sinalou que con este tipo de iniciativas se imparte unha formación homologada, que vai asociada a un certificado de validez para todo o territorio nacional. Neste senso, indicou que preto do 100 por cento dos cursos de formación para persoas desempregadas que financia a Xunta de Galicia están vinculados á obtención dun destes certificados.

Trece obradoiros na provincia

A provincia de Pontevedra conta este ano con 13 novos obradoiros de emprego nos que poden participar 287 persoas desempregadas. A esta actuación destínanse desde o departamento autonómico 2,5 millóns de euros.

En toda Galicia, poranse en marcha un total de 50 obradoiros, que contan cun investimento de preto de 10 millóns de euros. O número de participantes ascenderá a 1.300.

En definitiva, Díaz López afirmou que os obradoiros de emprego serven para mellorar a empregabilidade dos traballadores e, polo tanto, incrementan cuantitativa e cualitativamente as posibilidades de conseguir un emprego.

28 de outubro de 2013 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.