publicidade hoxe

20 desempregados da Merca, Cartelle e Ramirás beneficiaranse do obradoiro de emprego do consorcio local do río Arnoia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA MercaCartelleLocal PortadaOurenseRamirás
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, e de representantes municipais inaugurou hoxe o obradoiro de emprego que se vai desenvolver durante os vindeiros 6 meses promovido polo Consorcio local do río Arnoia, integrado polos concellos da Merca, Cartelle e Ramirás.

Desta iniciativa, na que a Xunta inviste preto de 178.000 euros, poderanse beneficiar 20 desempregados dos concellos que forman o Consorcio local, aos que hai que sumar o persoal contratado para dar formación, nas especialidades de albanelería e agricultura ecolóxica.

Rogelio Martínez mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que “ten un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente”. Ademais, o delegado territorial da Xunta subliñou que en total son 25 as persoas que grazas a estes obradoiros obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en alusión aos alumnos titores e monitores dos dous cursos.

Martínez lembrou que os obradoiros de emprego ofrecen, ademais do acceso das persoas desempregadas a un posto de traballo, unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral e, polo tanto, afirmou que sempre se dá prioridade a aquelas actividades que son máis susceptibles de xerar novos empregos.

O máximo representante do Goberno galego en Ourense explicou que ao tempo que os participantes reciben formación e acadan un posto laboral, a comunidade beneficiase dos labores que levan a cabo.

Deste xeito, con este obradoiro levaranse a cabo actuacións na pranta baixa do antigo centro de saúde da Merca; restauraranse a escola da Facha, en Ramirás, e un local que se destinará a centro social de Froxás das Viñas, na Merca; ademais da construción dun alpendre para local social de Teixugueiras, en Cartelle.

Once obradoiros na provincia

Martínez comezou, coa visita de hoxe, unha rolda que o levará a coñecer de preto os 11 obradoiros de emprego que están en marcha na provincia de Ourense nos que poden participar 234 persoas desempregadas.

O departamento autonómico que dirixe Beatriz Mato destina aos obradoiros de emprego que se desenvolven na provincia ourensá 2.078.720 euros. “Este esforzo enmárcase na posta firme do Goberno galego pola mellora da empregabilidade das persoas desempregadas en Galicia”, apuntou Rogelio Martínez.

No conxunto da comunidade autónoma, poranse en marcha un total de 50 obradoiros, que contan cun investimento de preto de 10 millóns de euros e que beneficiarán1.300 persoas desempregadas.

30 de outubro de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.