15 desempregados inician o itinerario de inserción laboral “actividades auxiliares de almacén”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, informou hoxe de que o vindeiro martes, día 5 de novembro, dará comezo un novo itinerario de inserción laboral enmarcado no proxecto “Ferrol punto de Emprego II”, posto en marcha polo Goberno Municipal. Así, das 208 persoas desempregadas que presentaron a súa solicitude para este curso de formación, un total de 15 persoas -11 homes e 4 mulleres- foron seleccionadas polo equipo técnico do programa para participar na acción formativa “Actividades auxiliares de almacén”.

O itinerario de inserción laboral terá unha duración total de 280 horas e desenvolverase ata o mes de xaneiro de 2014. Este curso contempla diferentes módulos: de formación específica (170 horas), de práctica profesional titorizada en empresas (90 horas), de formación transversal e complementaria (20 horas) e titorías individuais e grupais durante todo o itinerario. A edil de Emprego explicou que o obxectivo desta acción formativa “é capacitar para a realización de operacións auxiliares de almacén, recepción, ubicación básica, preparación e expedición de cargas e descargas, de forma coordinada ou en equipo, baixo a supervisión dun responsable, seguindo as instrucións recibidas, e aplicando os procedementos e equipos adecuados, en condicións de produtividade e respectando a normativa de seguridade, saúde e prevención de riscos”.

O proxecto “Ferrol punto de emprego II”, posto en marcha pola Administración Local, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) e ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

30 de outubro de 2013 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.