12 persoas inician o taller de economía doméstica do proxecto de reforzo “Ferrol en familia”
A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, informou que este xoves, día 10, dará comezo o obradoiro de economía doméstica “Euro con Control” que forma parte do proxecto de reforzo Ferrol en familia, enmarcado no Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal. Este programa de apoio ás familias en momentos de transicións e crise ou en situacións de adversidade, serve para superar os retos que estas circunstancias suscitan e promover os cambios necesarios para afrontalas.
O taller de economía doméstica, de carácter gratuíto, terá unha duración de 6 horas e será realizado os xoves 10, 17, 24 e 31 de outubro de 10:30 a 12:00 horas na Casa Solidaria. A edil de Benestar Social explicou que os obxectivos deste curso son “adquirir uns coñecementos básicos de economía doméstica; mellora a situación económica persoal dos participantes mediante recomendacións para o control de gastos, o aforro ou realización dun presuposto; aprender a dar prioridade as necesidades básicos como son o alimento, vestiario e a casa, traballando fundamentalmente a alimentación e a compra de alimentos; e aprender diferentes técnicas e estratexias de aforro doméstico”. O curso estará impartido pola educadora social responsable do proxecto Ferrol en familia e o contido do mesmo será o seguinte: aforro no domicilio, aforro na compra, pirámide alimenticia e a realización dun presuposto.
Participantes
“Euro con Control” está dirixido a familias con menores ao seu cargo que sexan usuarias dalgunha das UBTS do Concello de Ferrol, principalmente aquelas que sexan beneficiarias do RISGA, e a súa traballadora social de referencia considere necesaria a súa participación en dito obradoiro, especialmente para acadar os obxectivos propostos no seu plan de inserción. Un total de 12 persoas participarán neste curso, dez derivadas das 4 UBTS do Concello e dúas da asesoría xurídica da área de Benestar Social.











