061 e o concello de Santiago organizaron unha xornada de adestramento masivo baixo o nome “Reanima un Corazón”

Adestramento de prácticas de reanimación cardiopulmonar. /Foto: Ana Varela
Con motivo do Día europeo da sensibilización da parada cardíaca que se celebro o mércores 16 de outubro na Unión Europea, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia- 061 e o Concello de de Santiago organizaron esta xornada de adestramento masivo en habilidades de soporte vital básico, que acolleu máis de 200 nenos e nenas dos colexios: A Milagrosa, Xuventude, Raíña Fabiola, San Xosé de Cluny e Vilas Alborada.
O obxectivo da xornada foi a ensinanza de habilidades de reanimación cardiopulmonar básica a alumnos de 5º e 6º ano de Educación Primaria, idade axeitada para adquirir estas destrezas e podelas poñer en práctica ante unha eventual situación de parada cardiorrespiratoria, segundo amosaron diferentes traballos científicos, así como experiencias que xa se realizan na nosa Comunidade Autónoma.
Como salvar unha vida
No adestramento masivo, que tivo lugar esta mañá, os instrutores en soporte vital básico do 061 ensinaron aos nenos e nenas que cando unha persoa se desvanece, o primeiro é alertar ao 061, e, acto seguido, poñer en marcha a cadea de supervivencia, que consiste en ver se a persoa responde e respira ou non; e no caso de que non responda nin respire, débense iniciar as manobras de resucitación cardiopulmonar básica (RCP).
Tamén destacaron que o tempo para actuar e moi escaso. As manobras de RCP, é dicir, a masaxe cardíaca e ventilación débense comezar antes dun minuto, para conseguir que o afectado sobreviva sen secuelas. O instrutores insistiron que se se actúa desde o primeiro minuto en que se detectan os síntomas dunha parada cardíaca, as probabilidades de supervivencia superan o 70%.
Concienciar a poboación
Coa realización desta xornada, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quere concienciar á poboación xeral sobre a importancia de coñecer as técnicas de reanimación cardiopulmonar; xa que se calcula que nin o 10% da poboación coñece as técnicas necesarias para actuar debidamente ante unha parada cardiorrespiratoria.
A morte súbita de orixe cardíaca constitúe unha das primeiras causas de mortalidade nos países do noso contorno. As evidencias científicas dispoñibles puxeron de manifesto que os dous factores que máis poden contribuír a aumentar a supervivencia despois de sufrir unha parada cardiorrespiratoria (PCR), son a reanimación cardiopulmonar inmediata (RCP) e de calidade, así como a desfibrilación precoz cando estea indicada.
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 unha vez máis une esforzos a través deste terceiro adestramento masivo organizado na nosa Comunidade, para acadar o obxectivo estratéxico de aumentar a supervivencia ante unha morte súbita, traballando para que a poboación xeral recoñeza, identifique, e alerte aos servizos de emerxencia ante unha parada cardiorrespiratoria, así como adquira as habilidades necesarias para realizar unha reanimación cardiopulmonar de calidade.
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, achegouse ao pavillón de Santa Isabel para ver o adestramento de máis de 200 nenos e nenas, onde estivo acompañada polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez; e polos concelleiros do Concello de Santiago das áreas de Benestar Social, María Castelao; de Xuventude, Rebeca Domínguez; e de Deportes, Adrián Varela.











