Xulio García Rivas inaugura unha mostra de “emocións” no Centro Cultural da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+
Inauguración da exposición

Inauguración da exposición

“Memoria da paisaxe” é o título da exposición de Xulio García Rivas, que hoxe inaugura o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense e que poderá visitarse ata o día 13 de outubro. Nesta mostra, onde gran parte da obra foi realizada expresamente para este evento, o pintor amosa paisaxes que non se caracterizan por ser unha reproducción mimética de lugares visitados senón por “recoller sentimentos, emocións daqueles lugares que son importantes para min”, explicou García Rivas.

Definido como “un pintor clásico, que ama a pintura”, Xulio García Rivas recoñeceu a influencia que nesta obra ten a pintura chinesa e a figura de Lao Tsé ou do alemán Friedrich e lembrou a cita do primeiro de que “a gran imaxe non ten forma”.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, aludíu “á presencia marcada da imaxinación” na obra de García Rivas e reiterou o orgullo da institución por acoller a súa obra no centro cultural. Pola súa banda, César Fernández, asesor cultural da Deputación, desvelou que nesta mostra hai un claro intento “de atrapar a esencia na relación entre o autor e a paisaxe”. O director do centro cultural, Francisco González, aludíu á relación entre a obra do pintor e a poesía, presente tamén na mostra con poemas realizados por diferentes poetas galegos sobre algúns dos seus cadros e dixo que ambas “buscan a esencia, a síntese máis precisa”. García Rivas agradeceu á Deputación de Ourense a oportunidade que se lle ofrece con esta exposición e quixo dedicarlla a dous dos seus profesores iniciáticos, Mariano García Patiño e Hernández Pijuan.

13 de setembro de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.