Xaime Iglesias destaca na súa última obra a vida e arte do titiriteiro Barriga Verde
A Casa das Campás acollerá o vindeiro martes, 1 de outubro, a partir das 20.30 horas a presentación do libro José Silvent Martínez, o mítico Barriga verde de Xaime Iglesias González.
A publicación foi presentada esta mañá á prensa nun encontro no que estivo presente o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará quen tamén participará na presentación do martes, así como o autor. A publicación trata de dar a coñecer a vida e obra do titiriteiro José Silvent, radicado na parroquia de Lérez, pero o máis popular de Galiza no século pasado polo seu espectáculo ambulante e polo seu principal personaxe, o mítico heroe Barriga Verde, pseudónimo co que logo foi coñecido o propio Silvent.
Xaime Iglesias contextualiza a este persoeiro do mundo da farándula ambulante do século pasado, e destaca a importancia que tivo para o galego e para a nosa cultura o seu espectáculo de monicreques, dado que os seus personaxes falaban todos galego nunha época na que estaba desprezado e, incluso, perseguido.
Xaime Iglesias, docente de profesión e investigador da lingua e historia de Galiza, ten colaborado en distintas publicacións diarias e é asiduo colaborador da revista “Cedofeita” pubicada pola Asociación Cultural Cedofeita de Lérez, do que foi presidente e fundador. Ao achegarse á figura de Barriga Verde, vai descubrindo o seu talento artístico e a importancia cultural do seu espectáculo que se plasma nesta publicación.
A presentación ao público de José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde será o vindeiro martes na Casa das Campás ás 20.30 horas, nun acto no que participará o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará; o editor Tomás González Ahola; Jorge Rey de títeres Cachirulo, Galicreques; e Xaime Iglesias, autor do libro











