publicidade hoxe

Voluntarios xuvenís en Curtis promocionan o Camiño do Norte entre os peregrinos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCurtisLocalProvinciasXuventude
A-
A+
Grupo de voluntarios

Grupo de voluntarios

Un grupo de oito voluntarios xuvenís de entre 18 e 30 anos de idade difunden entre os peregrinos a Santiago a variante do Camiño do Norte que pasa polo concello de Curtis, promovendo entre os camiñantes o patrimonio histórico e paisaxístico da zona.

Esta é a principal tarefa dos mozos e mozas que están a realizar un total de 480 xornadas de acción voluntaria neste municipio durante os meses de agosto e setembro. Ademais, os participantes tamén colaboran na recuperación do contorno natural e do tramo do camiño que pasa por Curtis.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe esta actividade que se inscribe no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, unha iniciativa pioneira a nivel nacional que fomenta a participación nas actividades que desenvolven as entidades de acción voluntaria e os concellos. O programa constitúe un dos eixos fundamentais do III Plan Galego de Voluntariado 2011-14 e da primeira Lei de Xuventude de Galicia, aprobada no Parlamento galego en 2012.

Os mozos e mozas que participen nesta actividade obterán unha certificación oficial da experiencia adquirida, que aumentará as súas oportunidades de acceder a un posto de traballo. Esta é unha das novidades e vantaxes da Lei de Acción Voluntaria de Galicia aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en novembro de 2011.

Cada unha das xornadas de voluntariado conta cunha axuda de seis euros en concepto de transporte e manutención do voluntario, mentres que para as entidades de acción voluntaria a axuda diaria é de catro euros, para cubrir os gastos de seguro e de xestión.

O servizo de Voluntariado Xuvenil acadou en 2013 a súa terceira edición cun orzamento de 440.000 euros, máis do dobre que o ano anterior. Isto permitirá que os mozos e mozas de Galicia poidan desenvolver máis de 31.000 xornadas de acción voluntaria en 46 concellos e 61 entidades diferentes.

17 de setembro de 2013 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.