Visita ás obras de recuperación da senda litoral de Monteferro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+
Alberto Valverde, María José Bravo Bosch e José Luis Días Yáñez

Alberto Valverde, María José Bravo Bosch e José Luis Días Yáñez

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, visitou en compañía da Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, o Xefe Territorial da CMATI, José Luis Días Yáñez, e doutros membros da corporación local, a senda litoral de Monteferro. A actuación de recuperación deste sendeiro está a ser financiada pola Xunta de Galicia, a través dunha subvención destinada a municipios inscritos dentro da Rede Natura 2000, pero conta tamén coa colaboración da administración local. En total, o investimento supera os 14.300 euros, uns 80% dos cales foron achegados pola administración autonómica.

O proxecto da senda litoral de Monteferro estase a desenvolver en dúas fases. Na primeira, que se presenta hoxe, procedeuse á limpeza, acondicionamento e sinalización do sendeiro, un percorrido de 3 quilómetros de distancia que rodea a península na súa totalidade. A segunda fase, consistente na instalación duns paneis interpretativos do sendeiro, executarase no primeiro semestre de 2014. “O proxecto da senda litoral de Monteferro estará finalizado antes do próximo verán”, avanzou o rexedor municipal, Alberto Valverde.

A península de Monteferro, inscrita dentro da Rede Natura 2000, está catalogada pola Xunta de Galicia como un enclave de singular interese paisaxístico e natural. “Os acantilados, os barcos afundidos, os petroglifos, os miradoiros naturais, as aves mariñas, a flora protexida e diversos depósitos arqueolóxicos esixen especial consideración para a protección e preservación desta península, tanto pola súa riqueza e diversidade patrimonial coma polo valor de facer deste espazo unha alternativa máis para o desenvolvemento do turismo sostible”, sinalou Valverde.

O proxecto

O proxecto consiste na rehabilitación e acondicionamento dun sendeiro de 3 quilómetros de lonxitude que discorre pola franxa litoral de Monteferro. A actuación levada ocupa en practicamente a totalidade do trazado os sendeiros xa existentes, acondicionando tan só accesos puntuais a lugares de especial relevancia, sen desvirtuar en ningún momento o carácter de espazo natural e protexido do monte.

Entre os obxectivos do proxecto de rehabilitación da senda destacan a recuperación, mantemento e conservación dun espazo natural protexido, mellorando os seus recursos naturais e aumentando a biodiversidade destes. “O desenvolvemento deste proxecto permite recuperar un ámbito natural de incalculable beleza e valor, que de agora en diante, e especialmente a partir do próximo verán, poderán gozar tanto veciños como visitantes”, sinalou Valverde.

19 de setembro de 2013 | 20:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.