‘Violeta a carteira bolboreta’ inaugura as Tardes de contos e lendas na biblioteca de Ordes
A biblioteca municipal de Ordes iniciará mañá venres unha nova tempada das súas Tardes de contos e lendas. Un ciclo de contacontos que, como é habitual, se celebrará o último venres de cada mes a partir das 18.30 horas. Nesta ocasión ofrecerase o relato ‘Violeta a carteira bolboreta’, especialmente pensada para os nenos e nenas de 3 a 8 anos e os seus acompañantes.
Coas Tardes de contos e lendas o Concello de Ordes pretende inculcar nos máis novos o hábito de ler e ofrecer e amosar a biblioteca como un espazo de diversión onde poder acudir de xeito totalmente gratuíto. Ademais tamén pretende ser unha oportunidade para que os máis novos compartan tempo de lecer cos seus pais e nais.
Por outra banda, a vindeira semana está previsto que teñan lugar as primeiras xuntanzas dos clubs de lectura que por primeira vez se levarán a cabo no centro. Neles participarán veciños e veciñas de distintas idades, mantendo aberto o prazo de inscrición para os que estean interesados en participar nesta actividade.











