Vilagarcía mellora os bombeos da praza de abastos, Comboa e Fontecarmoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello comezo os traballos para mellorar o funcionamento da rede de saneamento de augas residuais. Esta nova actuación afecta aos bombeos de Praza de Abastos 1, Comboa e Fontecarmoa e consistirá na realización de diferentes medidas para elevar a potencia dos motores e ampliar a impulsión. Con iso búscase un funcionamento máis eficaz e reducir os riscos de atascos, avarías e verquidos.

Os traballos que comezaron a semana pasada lévanse a cabo cunha subvención concedida a través da liña de axudas convocadas polo Estado para as áreas de influencias socioeconómica dos Parques Nacionais e á que Vilagarcía pode acceder por pertencer ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas do que forman parte Cortegada e o arquipélago das Malveiras. Trátase dun investimento modesto, de algo máis de 15.000 euros, pero que contribuirá a solventar deficiencias e a un mellor funcionamento da rede.

As reparacións iniciáronse na estación da Rúa Regueira, en Fontecarmoa, onde se reformou o pozo para darlle máis capacidade e se lle dou máis potencia aos bombeos que se quedara escasa para dar saída ao caudal que está a recibir tras o crecemento urbanístico rexistrado na zona nos últimos anos.

A vindeira semana actuarase no pozo da Praza de Abastos I. Aquí está previsto realizar obras para axustar o cestón de filtrado ao canal do pozo, a efectos de que encaixen á perfección e non quede espazo polo que se poidan colar os residuos sólidos que acaban atascando os motores. Ademais, reporanse as impulsións que estean en mal estado. Por ultimo, actuarase na estación de bombeo de Camposán, onde se substituirá unha bomba e se reparará a outra.

A realización destes traballos obrigarán a parar a maquinaria dos bombeos mentres se levan a cabo as reparacións, polo que non se descarta que algún fluxo de residuais poida saír polos aliviadeiros. En calquera caso, advírtese que serán verquidos puntuais e controlados. Ademais, os traballos realizaranse con toda a celeridade posible para que os sistema estea parado o menor tempo posible.

Esta nova actuación financiada a través do parque Nacional das Illas Atlánticas enmárcase na liña que está a seguir o Concello de cara ao saneamento integral para o cal preténdense eliminar os puntos negros ou máis conflitivos respecto a aparición de verquidos. A consecución deste obxectivo será impulsada de xeito importante coas actuacións que tamén realizará a Consellería de Medio Ambiente a través do Plan de Saneamento Integral de Vilagarcía e no que a administración municipal investirá nos vindeiros anos en Vilagarcía 8 millóns de euros.

27 de setembro de 2013 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.