Vilagarcía mantén activo o servizo de socorrismo nas tres praias do municipio ata o 19 de setembro
O servizo de socorrismo manterase en funcionamento nas praias do municipio ata o 19 de setembro. Os vixiantes contratados a través do Plan de Cooperación da Xunta continuarán realizando a súa función a diario nas tres praias do municpio, tanto na que conta con bandeira Azul (O Campanario-Bamio) como as de Concha-Compostela e Preguntoir, en Vilaxoán.
Aínda que obrigatoriamente só o areal de Bamio precisa contar con este servizo por obter a Bandeira Azul, o Concello decidiu ao inicio da tempada dispoñer socorristas tamén nos areais da Concha-Compostela e no do Preguntoiro, en Vilaxoán, tanto por garantir a seguridade dos bañistas, como para seguir potenciando un dos principais atractivos e recursos turísticos da cidade, apostando por manter a calidade e número de servizos nos areais. Esta práctica non soe ser habitual na maioría dos municipios, onde o normal é que o servizo de vixilancia e socorrismo se limite exclusivamente ás praias onde é obrigatorio dispor del.
O servizo de vixilancia e socorrismo nas praias préstase cos 11 socorristas contratados a través do Plan de Cooperación da Xunta. A vixilancia dos areais e atención aos usuarios realizarse en setembro nas mesmas condicións que durante o resto do verán. As tres praias disporán de servizo todos os días da semana en horario ininterrompido de 11:30 a 21:00 horas.











