publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Vicedo, Neda, Ponteareas e Toques acollerán o concerto de “Rosalía Pequeniña”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNedaO VicedoPonteareasToquesXuventude
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a fornecer de actividades de lecer en galego aos concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia a través do programa “FalaRedes 2013”. Esta semana, o concerto familiar “Rosalía Pequeniña” pódese gozar no Vicedo, Neda, Ponteareas e Toques.

A cantante Uxía é a encargada de levar a 40 concellos a proposta que busca incidir na promoción do uso do idioma propio de Galicia por medio dos afectos e dos sentimentos e, asemade, ampliar a oferta de lecer nesta lingua. Ademais, durante os 50 minutos de actuación, o público familiar e especialmente a xente miúda da casa poderá achegarse ás pezas musicais para seguilas cantando logo de que caia o pano.

As sesións desta semana de “Rosalía Pequeniña” comezaron onte no Vicedo, e esta tarde, o concerto chegará a Neda, cunha sesión ás 18:30 horas na Casa da Cultura. Mañá, xoves, o recital poético-musical fará parada en Ponteareas, ás 19:00 horas no Auditorio Reveriano Soutullo, e o domingo despedirá a semana en Toques, cun concerto ás 12:00 horas no Pavillón Polideportivo de Souto (A Capela).

Todas as sesións de “Rosalía Pequeniña” son de balde e con entrada libre ata completar a capacidade. Ata final de ano, o concerto continuará dinamizando o galego en concellos da RDL ata completar o seu itinerario polas 40 localidades programadas. A partir da semana que vén o espectáculo musical fará parada en Cariño, Mondariz-Balneario, Carballedo, Campo Lameiro, Pontedeva, Cangas, Carnota, Laxe, Lousame, Baiona e A Pobra do Brollón.

Toda a información sobre “Rosalía Pequeniña” e “FalaRedes” está dispoñible en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013

Rede de Dinamización Lingüística

“Rosalía Pequeniña” está integrada no programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para complementar a programación propia da RDL e promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos, nomeadamente ao lecer.

A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que funciona como punto de encontro entre a Administración autonómica e local para o traballo conxunto en materia de dinamización lingüística. Na actualidade, forman parte deste ente máis de 150 entidades de diferente índole, entre as que se atopan concellos, deputacións, fundacións, colexios profesionais ou o Consello da Cultura Galega.

Os principais obxectivos da RDL son os de fomentar a dinamización, a difusión e a visibilidade da lingua galega e favorecer o traballo conxunto e planificado a prol do incremento do uso e o prestixio do galego no conxunto da sociedade. Xa que logo, o traballo conxunto en materia de política lingüística permite o intercambio de experiencias e a suma de esforzos, baseado na cooperación, a coordinación e a colaboración, buscando a eficiencia e a eficacia na consecución dos fins.

25 de setembro de 2013 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.