Verín acolle o seminario “O uso de internet e redes sociais para menores”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

O xoves 26 de setembro, na aula CeMIT do Concello de Verín impartirase o seminario gratuíto ‘O uso de internet e redes sociais para menores’, programado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).

O mesmo, de 16 a 20  horas, terá lugar a través dun sistema de videoconferencia instalado na aula CeMIT de Verín, para evitar que os/as interesados/as se teñan que desprazar ata o propio CNTG, situado en Santiago de Compostela e que promove o achegamento das novas tecnoloxías da información e comunicación aos/ás verinenses.

O obxectivo deste seminario é sensibilizar aos pais sobre os principais riscos existentes polo uso non apropiado destas ferramentas e ao mesmo tempo proporcionarlles os recursos necesarios para axudarlles na prevención dos mesmos ou minimizar as súas consecuencias. O programa do seminario ‘O uso de internet e redes sociais para menores’ divídese nos seguintes relatorios: “O menor como vítima ou responsable de delitos cometidos a través de internet” (Marta García de la Concha Álvarez, fiscal delegada de criminalidade informática na provincia de Pontevedra), “Menores e novas tecnoloxías: benvidos ao deserto do real” (Gonzalo Sotelo Seguín, equipo de delincuencia tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra), “Tuenti: privacidade e seguridade” (María de Sousa-Valadas Castaño, User Support & Translations Manager en Tuenti) e “Consellos técnicos para o uso seguro das redes sociais”. Nos mesmos abordaranse cuestións como: protección penal dos menores vítimas do delito, as novas figuras delictivas (childgrooming, ciberbullying, pornografía infantil), a responsabilidade penal dos menores de idade, a responsabilidade civil solidaria dos pais e titores (menores de 18 anos  e 14 anos), cooperación xudicial internacional no ámbito da criminalidade informática, novos riscos para o menor, investigación policial (redes sociais e dispositivos móbiles), cooperación e traballo con operadores de servizo-contido e operadores xurídicos, a importancia do coñecemento e da educación, que é o Tuenti e para que serve, a privacidade do Tuenti, idade mínima, centro de axuda e seguridade, as redes sociais e perigos concretos de cada unha, medidas a tomar para protexernos en Internet ou casos prácticos (configuración de seguridade nunha rede social), entre outras.

Para participar neste seminario é necesario inscribirse na aula CeMIT de Verín (Casa da Xuventude. Avenida Portugal, 11, porta 11) ou  nos correos electrónicos: dinamizacion@verin.net ou cemit.verin@xunta.es

20 de setembro de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.