Universidade da Coruña e Concello de Ferrol asinan un programa de aloxamento compartido interxeracional

Sinatura do convenio
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto Barbeito, para a posta en marcha dun programa de aloxamento compartido interxeracional. Este proxecto, cun carácter marcadamente social, permitirá afrontar o problema da soidade das persoas maiores no termo municipal, o fomento de hábitos de vida saudables e o apoio mutuo entre xeracións con sinerxias no intercambio de coñecementos e experiencias. Na sinatura do acordo tamén estiveron presentes a concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro; e a vicerreitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres Miño.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade explicou que “se trata dunha iniciativa novidosa en Ferrol e Galicia”, e que ten un dobre obxectivo “facilitar a posibilidade de que os universitarios teñan un aloxamento accesible para residir na cidade e tamén desenvolver o primeiro proxecto interxeracional de convivencia dos estudantes con persoas maiores que vivan en soidade, que conseguirá o intercambio de experiencias e coñecementos”. Esta anovadora iniciativa social está enmarcada dentro do Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal.
Este programa de vivenda compartida trata de que a persoa maior, a partir de 60 anos e que vive soa, ofrece ao estudante aloxamento no seu domicilio a cambio de axuda nas tarefas que eles mesmos acorden. Así, este convenio contempla a creación dunha comisión de constitución, valoración, resolución e seguimento, integrada por persoal técnico do Concello de Ferrol e da Universidade da Coruña.











