Unión de cultura urbana e discapacidade no programa Hefesto
A Concellería de Benestar Social Municipal, que dirixe Carmen Fouces presentou esta mañá o programa Hefesto 2013, que está incluído dentro da programación da Casazul. Este programa deseña unha intervención innovadora e atractiva no eido da discapacidade que pretende ser un espazo inclusivo e aberto a novas experiencias onde se misturen o mundo máis urbano e a discapacidade.
O programa Hefesto 2013 ten tres grandes áreas: discapacidade e cultura bboying, discapacidade e colectivo de moteiros/as e discapacidade e o mundo do son.
O programa Hefesto comeza a partires do 1 de outubro e terá o seu colofón o día 3 de decembro, Día Internacional da Discapacidade.
As accións diseñadas son as seguintes:
ACCIÓN 1: DISCAPACIDADE E CULTURA MOTEIRA. Esta acción está prevista que se realice o sábado 19 de outubro con saída ás 16.30 horas e chegada ás 17.30 e cun itinerario que sairá do Mirador de Monte Porreiro e rematará nunha das prazas emblemáticas da cidade. Arredor de 20 moteiros e moteiras levarán nas súas motos a un grupo de discapacitados/as.
ACCIÓN 2: DISCAPACIDADE E CULTURA BBOYING/BREAKDANCE: Esta acción contará cunha master-class sobre a cultura Bboying a cargo da Asociación cultural “Black Box Project” pertencente ao Programa HEDRA da Casazul. A data prevista é o venres 18 de outubro no Pazo da Cultura entre as 10.00 e as 14.00 horas
ACCIÓN 3: DISCAPACIDADE E O MUNDO DO SON EN ESTUDO DE GRAVACIÓN. Esta acción comezará cunha formación básica de outubro a novembro na Casazul co gallo de realizar un vídeo musical nun estudo de gravación de Pontevedra.
ACCIÓN 4: Con estas accións anteriores elaborarase un audiovisual que se presentará o martes, 3 de decembro, Día internacional da discapacidade, no Teatro Principal ás 20.00 e ao que están convidadas/as asociacións, axentes sociais, participantes no programa, familiares e calqueira outra persoa interesada.
Este programa está apoiado polas entidades pontevedresas que traballan pola discapacidade: AMIZADE, XUNTOS-ASOCIACIÓN SÍNDROME DE DOWN, JUAN XXIII, VIRGEN DE LA O, ALBA E AMENCER-ASPACE.











