Unha versión adaptada da ópera mozartiana “Cosi fan tutte” retoma o ciclo de Música da Ilustración en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrolLocal
A-
A+

O grupo de monicreques Títeres Cachirulo e o quinteto de vento Zoar Ensemble subiranse ao escenario do Teatro Jofre este xoves, día 12, ás 19:00 horas para ofrecer a súa versión adaptada Cosí fan tutte ou La escuela de los amantes. A actuación forma parte da nova tempada do ciclo “Música da Ilustración”, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe o edil Manuel-Reyes García Hurtado.

Esta proposta conxunta pretende ofrecer una produción de calidade e novidosa da fantástica ópera mozartiana Cosí fan tutte, unha versión en pequeno formato tanto no plano escénico como o musical. O espectáculo abordará a trama orixinal do libreto de Da Ponte cun enfoque diferente, no que os concepto da fidelidade, o amor e demais relacións humanas, se representen dunha maneira próxima e accesible a todo tipo de públicos. Esta adaptación está realizada polo clarinetista alemán Ulf-Guido Schäfer para a formación de quinteto de vento clásico, que consta de frauta, oboe, clarinete, trompa e fagot.

A versión, estritamente instrumental, comprende os números musicais máis interesantes e rechamantes, entre os que se atopan algúns dos seguintes: Obertura; La mia Dorabella; Una bella serenata; Ah! Guarda sorella; Vorrei dir; Sento, o Dio, che questo piede; Bella vita militar; Soave sia il vento; In uomini, in soldati; ou Alla bella Despinetta.

10 de setembro de 2013 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.