Unha veciña de Narón gaña o sorteo da Ruta do Pincho “Mellor… con pan de Neda”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNeda
A-
A+

Elena Vidal García, unha veciña de Narón, poderá desfrutar dunha noite para dúas persoas nun hotel de catro ou cinco estrelas a elixir entre máis de 180 establecementos de Galicia e do resto da Península, así como dunha cea con bodega e almorzo. Todo isto, cortesía do Concello de Neda e dos locais hosteleiros participantes na segunda edición do Concurso e Ruta de Pinchos “Mellor… con pan de Neda”. Foi o presente co que Administración e negocios acordaron premiar a participación no certame, posto en marcha ao abeiro da programación de actos paralelos á Festa do Pan da real vila. E, entre todos os participantes, se levaba a cabo o sorteo o pasado venres no salón de plenos da casa consistorial.

No acto estiveron presentes a concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, e representantes de parte dos locais hosteleiros do Concurso. Previamente, ambas partes mantiveron unha xuntanza de traballo na que intercambiaron impresións sobre a iniciativa, así como propostas para mellorala na próxima edición. Doutra banda, tamén comezaron a abordar propostas e colaboracións futuras de aquí a finais de ano.

10 de setembro de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.