Unha auditoría revisará o servizo municipal de grúa e aparcamento ORA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación da contratación dunha auditoría dos servizos de retirada de vehículos da vía pública e regulación do aparcamento, á empresa Summa Auditores S.L.P. como a mellor das cinco ofertas presentadas a concurso, por un importe de 12.705 euros.

A auditoría, operativa e financieira, velará polo cumprimento da concesión do servizo público de regulación do aparcamento na vía pública mediante expendedores de tiques, e do servizo de inmobilización, retirada de vehículos da vía pública e o seu depósito, durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2013.

A auditoría operativa analizará e avaliará o cumprimento dos medios materiais, humanos e auxiliares afectos ao servizo, dacordo coas condicións técnicas incluídas na concesión, así coma os sistemas de control interno implantados pola concesionaria para levar a cabo a recadación do estacionamento, tramitación das denuncias, retirada de vehículos e o seu depósito. Así mesmo, avaliará as modificacións técnicas e económicas do contrato de concesión desde a súa sinatura, e o cumprimento das formalidades esixidas.

No que respecta á auditoria financieira, revisaranse e recalcularanse todos os conceptos incluídos nas liquidacións presentadas pola concesionaria: a recadación total durante cada mes natural, o coste mensual do servizo e a diferencia resultante. Nesta auditoría tamén se verificará o rexistro de tódolos conceptos incluídos nas liquidacións presentadas ao Concello na contabilidade da concesionaria, e a correcta aplicación das tarifas a aplicar aos servizos ORA e retirada e depósito de vehículos, establecidas na ordenanza fiscal correspondente.

Auditados os principais servizos concesionados do Concello de Ourense

Coa contratación desta auditoría, está en marcha a revisión do cumprimento dos principais servizos concesionados do Concello de Ourense. Así, o servizo de grúa e ORA únese aos que xa están auditados ou en proceso: Limpeza, Auga, Autobuses Urbanos e Axuda a Domicilio.

A principal finalidade destas auditorías é contribuír á calidade dos servizos ofrecidos á cidadanía, á vez que se melloran en criterios de eficiencia e eficacia.

Desestima dúas novas reclamacións pola anulación do PXOM

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local acordou desestimar as reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas por dúas empresas que solicitaban unha indemnización por parte do Concello por presuntos danos e perdas ocasionados pola anulación, por sentenza xudicial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense aprobado en 2003. Ambas reclamacións, por un montante total de 363.061,45 euros, foron desestimadas á vista dos informes xurídicos e dos ditames do Consello Consultivo de Galicia, nambos casos, desestimatorios das reclamacións.

O Concello de Ourense recibiu un total de 41 reclamacións de responsabilidade patrimonial de particulares e empresas por danos presuntamente causados pola anulación do PXOM. Tramitados os 41 expedientes, a día de hoxe o Concello leva desestimados ou inadmitidos un total de 38, e outros 3 se atopan actualmente en fase de tramitación.

As reclamacións desestimadas na Xunta de Goberno desta mañá foron as presentadas por Promociones y Construcciones Moumarti, S.L. en relación ao solo urbanizable SURBZ 09 – Ousende, na que solicitaba unha indemnización por importe de 308.291,94 euros, e a presentada pola mercantil Galibrokers, S.L, na que se solicitaba unha indemnización de 54.769,51 euros en relación á Área de Reparto 47-E, do PXOM, na rúa da Roda.

5 de setembro de 2013 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.