publicidade hoxe

Un proxecto de iluminación exterior aforrará un 70% aos concellos de Cervo, Xove e Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaCervoLocalLocal PortadaLugoProvinciasXove
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe, durante unha visita ao Concello de Xove, a necesidade de promover accións de aforro e eficiencia enerxética nos municipios galegos, que supoñen importantes aforros no custo da factura contribuíndo á mellora da súa situación financeira. Neste sentido, Conde subliñou a importancia do programa de iluminación pública exterior do Inega, que permite este ano unha actuación conxunta en Xove, Cervo e Burela que suporá aforros enerxéticos e económicos do 70% nas zonas beneficiadas.

No transcurso da visita, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e polos alcaldes dos tres municipios, Conde destacou que a actuación conta cun investimento de cerca de 150.000 euros. Así mesmo, leva aparellados tamén importantes beneficios medioambientais ao diminuírse as emisións de CO2 nunha cantidade equivalente á plantación de máis de 5.000 árbores.

O titular de Economía e Industria resaltou o peso conferido este ano aos proxectos de cooperación municipal, factor que redunda en beneficio das economías locais. Esta aposta pola cooperación, explicou Conde, reflíctese no desenvolvemento de 8 proxectos na provincia de Lugo, cun orzamento conxunto dun millón de euros, e nos que participan un total de 25 concellos, todos eles agrupados en asociacións de entre 2 e 4 concellos.

Neste contexto de impulso ás administracións locais, o conselleiro destacou o labor que está a desenvolver a Xunta de Galicia co obxectivo de cooperar no desenvolvemento de distintas actividades que contribúen a súa mellora económica e social.

Así, no último ano incrementáronse un 40% as partidas das ordes de axudas enfocadas a concellos. Este apoio, subliñou Conde, ponse de manifesto na Mariña Luguesa cunha inversión de máis de 2 millóns de euros nos últimos catro anos, o que ten permitido acadar importantes melloras non só no eido enerxético, senón tamén na dinamización do comercio local ou no impulso as parques empresariais.

10 de setembro de 2013 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.