Un orzamento provincial de 545.000 euros irá destinado á mellora e conservación das vías coruñesas
A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado un investimento de 544.626,43 euros que se destinarán á mellora, ampliación e conservación de vías provinciais.
Así, realizarase a ampliación e mellora do trazado da estrada DP.8001de Cruces a Penablanca no punto quilométrico 0 ao PK 0,240 en Sobrado. A obra consiste na ampliación da plataforma, que pasa dun ancho de cinco metros e carece de beirarrúas, a contar con dous carrís de tres metros e medio e zona de aparcadoiro de dous metros e medio con beirarrúas de metro oitenta de ancho. O orzamento total será de 157.049,59 euros.
A segunda das actuacións levarase a cabo na DP.3301, entre Rianxo e Bexo por Isorna, desde o PK 12,690 ata o 12,810, onde se construirá unha senda peonil con aglomerado e borde na marxe esquerda, procederase á colocación de pluviais, da sinalización horizontal e vertical co pintado da liña de beiravía. O orzamento será de 33.797,07 euros.
Ademais, no concello da Coruña procederase á ampliación, aglomerado e sinalización horizontal da DP.3006 na intersección coas rúas de María Ana Mogás e Lisboa en sentido descendente. O orzamento para esta obra será de 40.175,42 euros.
En Boimorto, procederase á limpeza do pavimento, ampliación de aglomerado, sinalización e balizamento da DP-1004 entre Lanza e Boimorto.
Na DP. 3204, de Curtis á N-634, entre o PK 1,090 e o 1.700, dotarase de capa de rodaxe cun ancho de calzada de 8,50 metros, pintado das marcas viarias, tanto de eixo como de bandas laterais, e mellorarase a sinalización vertical. O orzamento será de 103.339,71 euros.
Por último, en Tordoia, procederase á mellora da capa de rodaxe entre o PK 5.400 e o PK 7.800 da DP-8410 ao seu paso por Tablilla, Agrodomestre por Pontepedra. A mellora do firme levarase a cabo coa execución da capa de grava, o tratamento superficial e a pavimentación con mestura asfáltica. Tamén se procederá á sinalización horizontal no tramo que se mellora. O orzamento será de 210.264,64 euros.
Por outra banda, tamén se aprobou a execución dunha senda peonil en Cabana de Bergantiños entre o PK 0,200 e o PK 0,690 da DP- 14004 no acceso ao Dolmen do Dombate.
A senda executarase en formigón de cor na marxe dereita, e levarase a cabo a construción de pluviais, a sinalización horizontal e vertical, e acometida de obras accesorias. O orzamento da devandita actuación será de 97.178,44 euros.
Redución da débeda
Tamén durante a sesión celebrada esta mañá, os deputados votaron por maioría a proposta presentada polo presidente da Deputación onde se prevé o mantemento da liña de redución da débeda iniciada polo actual grupo de goberno.
Segundo o informe, a débeda quedará reducida a un 10% do orzamento total no ano 2016, moi por debaixo dos marxes permitidos pola lei e tamén moi lonxe da porcentaxe dun 50% que presentaba a institución provincial no ano 2011.
“Un xeito diferente de gobernar”
Durante o debate plenario, o grupo de goberno mostrou datos do “diferente xeito de gobernar” que se está a implantar na Deputación en canto á concesión de subvencións tanto a concellos como a entidades sociais, culturais e deportivas da provincia.
O portavoz do grupo de goberno, Manuel Ruíz Rivas, asegurou que “o 95% dos recursos distribúense de forma regrada”, cuestión que foi despois refrendada polo presidente da Deputación, Diego Calvo, ao afirmar que “somos a administración provincial que máis cartos dedica aos concellos”, porque, segundo dixo, “cando temos fondos suficientes, elaboramos plans con criterios de reparto obxectivos e non firmamos subvencións nominativas como era costume facer aquí antes”.
Calvo lembrou que “en dous anos, repartimos entre os concellos máis cartos que vostedes en catro anos, e iso tendo en conta que temos un orzamento moito máis restritivo”.











