Tui converteuse en inicio do Camiño de Santiago para preto de 2.500 peregrinos só en agosto
2.491 peregrinos escolleron Tui como inicio do Camiño de Santiago Portugués no pasado mes de agosto, o que supón 300 máis que no ano anterior, en que se acadara a cifra de 2.181. En canto a cidade veciña de Valença, a cifra foi de 1121, o que fai un total de 3612 no que se refire ao conxunto da Eurocidade.
O aumento de camiñantes con respecto ao ano pasado é xeral xa que este mes de agosto rexistrouse un total de 6400 peregrinos no camiño portugués, 1300 máis que no ano anterior.
Con estes datos Tui segue ocupando o posto número catro en canto a localidade elixida para iniciar o Camiño de Santiago, precedida unicamente por tres localidades de alongada tradición no Camiño francés: por Sarria, S. Jean P. Port e O Cebreiro. Porén, se consideramos os datos da Eurocidade, esta ocuparía o posto número tres, reflectindo a importancia que o fenómeno da peregrinación posúe na nosa cidade, porta de entrada do Camiño portugués en Galicia.
Así, valóranse positivamente os datos deste ano, xa que a peregrinación como movemento cultural e turístico non só favorece o intercambio cultural entre pobos, senón que tamén é un importante motor económico que dinamiza a vida local.











