Tres sesións da ultranoite de Chévere compoñen a programación de setembro na Ramallosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

A ultranoite volve, e volve con forza. A programación cultural do mes de setembro recolle tres sesións da Ultranoite de Chévere na Ramallosa. Serán o sábado 21 e o venres 27 e sábado 28 ás 23:00 horas no CSC da Ramallosa. Chévere, compañía residente do Concello de Teo dende o ano pasado presenta unha vez máis este “topónimo do teatro galego” como eles mesmo lle chaman que cumpre xa vintetrés anos. Segundo indican na súa web aínda podedes facerlle suxestións sobre como queredes que sexa a próxima Ultranoite, xa que están atendendo “os debates, as polémicas e as cancións do verán para centrar os números da vindeira ultranoite”.

Nesta ocasión contarase coa participación entre outros de Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Mónica García, Arantxa Villar, Iván Marcos, Xron, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián. As entradas para esta actividade xa se poden mercar en redenasa.tv e nesa mesma plataforma pódese escoller coa opción de usar o Ultrabús que sae de Compostela ás 22:05 horas.

Mais a programación cultural de setembro, responsabilidade da concelleira Carme Hermida, tamén ten espazo para o primeiro roteiro nocturno para ver petróglifos este sábado 7 de setembro. Ante o interese nesta iniciativa fixouse outra ruta similar para o 21 de setembro, na que as persoas interesadas aínda se poden anotar.

Outra das actividades deste mes é o teatro de rúa que se poderá ver nos Tilos xa que os sábados 14, 21 e 28 as Cándidas visitan o Mercado do alimento labrego. Aí estas personaxes, que son Patricia de Lorenzo, Mónica García e Aranxa Villar da compañía Chévere, interaccionarán cos vendedores e clientes e participarán da dinámica deste mercado do alimento labrego semanal.

Por outra banda unhas das propostas máis novidosas chegará o venres 13 cando se presenta na Mediateca do Grilo ás 19:30 horas a colección de deseño e moda de Tania Martínez Lareo que leva por nome Amálgama. Tania, veciña de Cacheiras, despois de estudar Deseño de Moda no Mestre Mateo gañou dúas veces a Galicia Fashion Week  e estará no espazo Ego para novos deseñadores da Semana da Moda de Madrid.

Este mes a banda de música de Calo ofrecerá un concerto no campo da festa de Ameneiro o luns 9 ó mediodía, mentras a de Teo estará en Oza o domingo 29.

O venres 27 está previsto o contacontos da Tropa de trapo “Antía, Wamba e o regato pequeno” na Casa Común dos Tilos ás 18:30 horas. Trátase dunha actividade impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Teo é socio.

En setembro tamén haberá actividades de produción allea ó Concello. A primeira será cine ó aire libre coa película “O Apóstolo”  o venres 20 ás 21:30 horas na explanada do Gadis en Cacheiras, promovido por Gadisa. O sábado 21 no campo de San Domingos en Calo celebrarase a “Xan Sessión: Woodstock ao noso Güstok”. E para rematar o domingo 22 a A. C. A Regionalista prensenta unha nova edición do Ciclo persoeiros da terra coa homenaxe ó Sr. Xermán Soneira, que se fará na Casa Común Marisa Mirás (Calo) ás 17:00 horas.

Dende o Departamento de Cultura agradécese ós asistentes ás actividades que colaboren, na medida das súas posibilidades, co Banco Veciñal de Alimentos coa entrega de produtos preferiblemente non perecedeiros.

6 de setembro de 2013 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.