Tomiño homenaxeou á mestra Julia Iglesias Otero nas Festas do Alivio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
Julia Iglesias Otero durante a homenaxe

Julia Iglesias Otero durante a homenaxe

Tomiño celebrou esta mañá dentro das Festas do Alivio 2013, o acto de homenaxe a Julia Iglesias Otero, nomeándoa Tomiñesa Distinguida. Numerosas persoas, entre as que había autoridades locais e da comarca, veciños e veciñas, familiares e ex-alumnos, asistiron ao acto cívico que cada ano, dos últimos sete, vén celebrando o Concello coincidindo coas festas patronais, co obxectivo de distinguir a un veciño ou veciña destacado da vila pola súa traxectoria profesional ou personal.

Julia Iglesias Otero, “Doña Julia”, como a coñecen os seus veciños, foi mestra do Colexio Pedro Caselles Beltrán durante trinta anos, a través dos cales pasaron pola súa clase moitas xeneracións. Oriunda de Vizcaia, chegou a Tomiño no ano 1980 a través dun concurso de traslados, e xa non volveu a marchar.

Na súa intervención, Julia Iglesias agradeceu a distinción pública e a presenza de todas as persoas alí reunidas. Lembrou a súa chegada a Tomiño e ao colexio onde desempeñou a súa carreira. Tivo palabras de agradecemento tamén para os seus ex-compañeiros de traballo e para as Mulleres Rurais, asociación que axudou a fundar hai xa vinte anos, e da que segue a ser socia.

Pero a lembranza máis agarimosa foi para os seus alumnos e alumnas, que “se convertiron nas persoas máis importantes da miña vida”.

A homenajeada rematou o seu discurso cunha poesía de Gabriel Celaya sobre o oficio de educar.

A continuación, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, interviú para explicar os motivos que levaron ao seu equipo a elixir a Julia Iglesias coma tomiñesa distinguida. “Coma educadora, coma promotora do asociacionismo, coma unha de tantas mulleres anónimas, que axudan a construir a sociedade e a facer deste, un lugar mellor para vivir, Julia merece esta homenaxe; queremos que reciba este símbolo do Concello de Tomiño, coma mostra do cariño a tantos anos de traballo e dedicación”, afirmou a rexedora.

Chegaron logo as felicitacións, as apertas dos familiares, pais, nais, ex-alumnos, veciños e veciñas, que quixeron amosarlle o seu agradecemento e cariño, nun emotivo acto.

 

15 de setembro de 2013 | 20:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.