Teresa Portela queda ás portas do bronce no Mundial de Alemaña

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ▼
A-
A+

Teresa Portela quedou tres centésimas de lograr a medalla de bronce no Mundial de Alemaña. A padexeira galega, que gañara unha das súas semifinais, tivo as súas opcións ata os últimos metros do K-2 200 metros, pero non puido repetir a xesta de 1999 e 2005, cando logrou o título. O resto de padexeiros galegos que participaron nas finais non conseguiron estar entre os tres primeiros.

Teresa Portela estaba entre as favoritas, pero de novo un cuarto posto afastouno do seu obxectivo. A pesar diso a deportista mostrouse “moi contenta por seguir na loita polas medallas”. E ademais prognosticou que “seguirei traballando forte” en alusión á próxima tempada.

Foi o mellor resultado dos galegos na última xornada do Mundial en Duisburgo. Carlos Pérez Rial, ‘Perucho’ e Diego Cosgaya, no K-2 500 metros, remataron na novena posición. Durante case toda a regata estiveron entre os primeiros, pero o vento prexudicoulles de xeito notable no tramo decisivo.

Ton Campos, en C-1 5.000 metros, tívose que conformar coa décima posición. Non encontrou o ritmo axeitado e afastouse pronto dos favoritos. Cristian Toro e Carlos Arévalo, no K-2 200 metros, foron sétimos. Ambos os dous, aínda moi novos, transmitiron boas sensacións para o futuro.

O mesmo sucedeu no K-4 1.000 metros masculino. Despois de seis anos de ausencia, España colocou un barco na final. Óscar Carrera e Rodrigo Germade formaban parte deste. Remataron no oitavo posto da clasificación, pero manteñen unha excelente progresión. Na regata decisiva non puideron con adversarios cunha longa traxectoria e experiencia.

Raquel Rodríguez, no C-2 500, foi a outra representante galega nun final. Rematou no noveno lugar. A estes resultados das finais tamén se deben engadir os das finais ‘b’. Tania Fernández e as súas compañeiras do K-4 1.000 feminino foron terceiras, polo que ocuparon o posto doce do Mundial. O mesmo lugar que André Oliveira e Adrián Sieiro no C-2 200.

Ao Mundial disputado en Alemaña acudiron trece padexeiros galegos, o que supuxo case a metade do equipo español. Esta é a última gran proba da tempada de piragüismo a nivel internacional.

1 de setembro de 2013 | 22:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.