Talía Teatro representa “O método Grönholm” en Monforte
O vindeiro mércores día 2 de outubro a compañía Talía Teatro representará a obra“O método Grönholm”, no Edificio Multiusos ás 20:15 horas.
Ficha da obra:
Autor Jordi Galcerán.
Director Xulio Lago
Elenco Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo
Sinopse
Na Sala de Reunións dunha empresa multinacional comparecen catro aspirantes a ocupar un cargo executivo importante. A razón da súa presenza alí é que todos eles foron convocados a unha última proba na que a Empresa decidirá quen dos catro é o elixido para o posto. A proba nesta ocasión vai ser conxunta realizándose polos catro aspirantes ó tempo.
Ó pouco de dar comezo vai quedando claro para todos os aspirantes que aquela non é unha proba convencional. Todos, tres homes e unha muller, son profesionais con ampla experiencia, con cargos importantes en outras empresas na actualidade, afeitos a superar todo tipo de desafíos para alcanzar os obxectivos… Pero esta experiencia, na que entra en xogo o Método Grönholm, é unha experiencia distinta.
A proposta do autor é portadora dun corrosivo compoñente crítico disfrazado de ideoloxía neoliberal, dunha carga de cinismo nada despreciable e dunha impresionante capacidade para xogar “perigosamente” con cousas serias co mesmo talante que se estivese xogando á brisca ou ás prendas.
O método Grönholm é un xogo constante entre verdades e mentiras. Tal vez, un xogo un pouco perverso, pois as emocións e os sentimentos das personaxes son manipulados e sacudidos sen pudor nin compaixón algunha. Algo que resulta escandalosamente normal na sociedade contemporánea.
O prezo de entrada xeral será de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.











