Sinatura do contrato para a “Limpeza de colexios públicos de ensino de Infantil e Primaria do Concello de Carballo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Sinatura do acordo contractual

Sinatura do acordo contractual

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o presidente de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños), Francisco Costa e a súa xerente, Dolores Fernández veñen de asinar na alcaldía o contrato administrativo de servizos de “Limpeza de colexios públicos de ensino de Infantil e Primaria do Concello de Carballo”. O Centro Especial de Emprego de Aspaber foi a empresa gañadora do concurso e será a encargada de asumir estas tarefas por un prazo de catro anos prorrogables outros dous e por un prezo anual de 63.508,23 euros. A adxudicataria asume, así mesmo, mil horas de limpeza extraordinaria sen custo adicional repartidas entre todos os centros afectados polo contrato (CEIP Bergantiños, Fogar, Razo, varias escolas unitarias e a sede do CRA (Colexio Rural Agrupado)) e entre os catro anos de duración (250 horas por ano).

Coa sinatura deste contrato concéntrase nunha única empresa un servizo que antes realizaban varias, o que supón un aforro aproximado de 10.000 euros para as arcas municipais. Segundo explicou Dolores Fernández durante a sinatura, neste momento dende Aspaber están realizando o proceso de selección de persoal, e calcula que o traballo implicará alomenos a contratación de dez persoas, aínda que non se descarta que sexan máis. Nos próximos días iranse axustando os horarios ás necesidades dos centros, dependendo de se teñen xornada de tarde, actividades extra escolares etc., o que permitirá definir tanto as horas de traballo necesarias como a cantidade de persoal, entre o que está previsto que haxa dous coordinadores.

O Centro Especial de Emprego xa ten mantido conversacións dos directores dos centros para coñecer as súas demandas e ir concretando algúns aspectos do traballo, como a limpeza dos patios, das fiestras, etc. O que si teñen claro dende Aspaber é que toda plantilla que finalmente asuma o traballo contará con algún tipo de discapacidade. Está previsto que o Centro Especial de Emprego comece a desenvolver os labores de limpeza a partir do martes 1 de outubro.

24 de setembro de 2013 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.