Sinalizado o tramo de cuneta da estrada de Rubiáns afundido polo horadamento dun caudal de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Operarios de Obras e Servizos traballan dende esta mañá no arranxo dun burato aberto na cuneta da estrada de Rubiáns situado entre o concesionario da Ford e o restaurante Altamira. Segundo as primeiras inspeccións, o firme da cuneta afundiuse debido a un fluxo de auga, que aparentemente procede dunha canalización, e que foi horadando o terreo.

O burato non é moi grande, pero si bastante fondo, polo que, como primeira medida de precaución, os operarios valaron e sinalizaron adecuadamente a zona para sea visible tanto polos peóns como polos vehículos que transitan pola vía, aínda que o afundimento non afecta aos carrís da circulación.

Persoal de Espina e Delfín desprazouse ata a zona e comprobou que o problema non se atopa na rede de subministro de auga potable, que está en perfecto estado e non se detectou ningunha fuga. A simple vista é difícil saber con certeza de onde provén a auga polo que mañá revisarán a rede de pluviais e de saneamento dende as arquetas máis próximas para comprobar se rompeu algún punto das canalizacións de algún destes servizos. Non obstante, a auga que se ve descorrer ao fondo do burato parece limpa, polo que tamén podería tratarse dun caudal natural.

Unha vez concretada a procedencia da auga tomaranse as medidas oportunas e comezará a taparse o burato. Mentres, o Concello pide a máxima prudencia aos condutores, pero especialmente aos peóns que transiten pola zona, recomendándolle camiñar pola outra beira da vía, cruzando por lugares seguros, para non invadir o carril da circulación na zona na que se valou a cuneta.

17 de setembro de 2013 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.