Silvia Espinosa gaña o premio “Enxeñeiro Comerma” e Vanesa Zorrilla o galardón “Antonio Usero”

Comparecencia do xurado para determinar o fallo
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu hoxe o acto de fallo do xurado do VIII Premio de Investigación “Enxeñeiro Comerma” e “Antonio Usero” que tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal. No acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Cultura e Universidade, Manuel Reyes García Hurtado; a vicerreitora do Campus Universitario de Ferrol, Araceli Torres Miño; e membros do xurado.
Silvia Espinosa Gútiez co seu traballo “Diseño de una máquina de ultrasonidos para el aumento de la eficiencia de la quimioterapia” foi a gañadora do VIII Premio de Investigación Enxeñeiro Comerma adicado a área da Enxeñería Industrial. Así o decidiu, por unanimidade, o xurado do certame, o cal destacou do proxecto a claridade na exposición dos obxectivos, a metodoloxía, a súa relevancia e a facilidade da aplicación inmediata das conclusións do mesmo. Por outra banda, Vanesa Zorrilla Muñoz foi a galardoada do premio Antonio Usero da área de Ciencias do Traballo, co seu traballo “Trastornos musculoesqueléticos de origen laboral en actividades mecánicas del sector de la construcción”. Neste caso, os membros do xurado explicou que o proxecto está centrado no ámbito de prevención de riscos laborais e que se trata dun traballo rigoroso pola súa metodoloxía, produtividade e tratamento do mesmo.
Na súa intervención, o rexedor municipal sinalou que a colaboración entre institucións é moi importante “para converter promesas en realidades como se fixo este ano coa residencia universitaria, e que afianza a nosa cidade como unha cidade universitaria”. Así mesmo, Rey Varela felicitou aos participantes dos Premios de Investigación e tamén lembrou ao ex alcalde da cidade, Antonio Usero, e ao enxeñeiro de camiños, Andrés Comerma, personalidades que dan nome a estes galardóns. “Antonio Usero foi o alcalde de Ferrol ao que esta cidade lle debe a primeira traída de augas que existiu en Galicia, ademais da construción dun Instituto de Ensinanzas medias. E por outro lado, o enxeñeiro Andrés Comerma, que foi o encargado da construción do Dique da Campá, o obra hidráulica máis importante da España do século XIX” sinalou.
Rey Varela tamén quixo manifestar que nos momentos de dificultade “a investigación non pode verse danada polos recortes económicos porque a innovación e o coñecemento teñen que ser “pancas” para alterar esa situación”. Neste sentido, o rexedor asegurou que “O Goberno Municipal non vai a escatimar no ámbito da investigación nin do benestar social”.











