San Sadurniño reedita a partir do outono os cursos de idiomas
A chegada do mes de setembro marca a posta en marcha da programación municipal de cursos de idiomas para persoas adultas. Este ano ofértanse inicialmente tres: conversa en lingua inglesa, preparación da proba libre no nivel B1 da Escola Oficial de Idiomas e cursos preparatorios para superar o CELGA 3 e 4. Con todo, de haber interese programaríanse máis accións formativas sobre outras linguas. A preinscrición xa pode facerse na Oficina de Orientación Laboral.
O obxectivo principal desta oferta formativa é mellorar a capacitación lingüística de cara a que tamén melloren as posibilidades de atopar un traballo para o que se esixan idiomas. De feito, nos tempos que corren un dos perfís que máis buscan as empresas é o dun ou dunha profesional que se desenvolva con soltura en inglés. Por iso o curso de conversa é un dos máis exitosos e que máis interese esperta en San Sadurniño. En relación con esta lingua tamén se ofrece apoio docente para preparar a proba libre de acreditación B1 da EOI, necesaria para moitos mestrados universitarios ou para a obtención do título de Grao.
Do mesmo xeito, San Sadurniño ten programados cursos preparatorios para os niveis 3 e 4 do CELGA, títulos que acreditan a competencia lingüística no galego e indispensables para poder facer determinados cursos do Servizo Público de Emprego ou para obter puntuación extra en procesos selectivos da administración pública.
Os cursos de inglés e galego impartiranse na antiga casa do conserxe do colexio público en horario de tarde-noite e con custos similares a anos anteriores, que van depender do número de horas semanais de cada curso. Con todo, o Concello abre a posibilidade de descentralizar esta formación para levala tamén ás parroquias se as asociacións veciñais -ou un grupo informal de xente- así o solicitan. Da mesma maneira tamén se ofrecerán cursos de calquera idioma para o que haxa, polo menos, un 6 persoas inscritas.
As persoas interesadas en inscribirse ou recibir máis información poden dirixirse á Oficina de Orientación Laboral.











