San Sadurniño leva ao pleno a ordenanza para a extracción de madeira no municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

O pleno ordinario de setembro está convocado para este sábado a partir das 11 da mañá. A sesión componse de seis puntos entre os que destacan a creación do ficheiro de datos correspondente á ordenanza reguladora dos acollementos civís, a determinación das festividades locais do ano que vén e, sobre todos, a aprobación inicial da ordenanza de saca de madeira. Esta última regulará a actividade extractiva nos montes do concello de cara a garantir a seguridade do tráfico e a conservación de bens públicos como poden ser pistas ou cunetas.

A ordenanza é o resultado de varios meses de traballo dos concellos da comarca na procura dunha regulamentación unificada para as cortas e o depósito de madeira. Cerdido, Cariño ou Valdoviño xa aprobaron con anterioridade un texto composto por 12 artigos que serán de obrigado cumprimento un mes despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

A norma vén configurar un novo escenario para as prácticas extractivas naqueles casos en que se vaian cortar máis de 20 m³ de madeira para vender. Os usos domésticos -cortas por baixo de 20 m³ que fagan os propietarios para leña ou con outra finalidade- quedan fóra da ordenanza e, polo tanto, poderán seguir facéndose como ata agora.

Un dos primeiros requisitos que introduce a norma é o de que as empresas madeireiras deberán inscribirse nun rexistro municipal específico para poder traballar nos montes de San Sadurniño. Ademais, tres días antes de empezar coa corta e saca de madeira, as empresas forestais deberán presentar unha comunicación previa no rexistro municipalindicando -entre outros aspectos- as especies, o volume que se prevé extraer, o nome das fincas e a identificación catastral, as datas previstas para os traballos e a situación exacta de onde a van depositar antes de levala. Será necesario tamén que acheguen fotocopias compulsadas do último recibo do seguro de responsabilidade civil e as autorizacións de corta emitidas pola Xunta ou outros organismos competentes.

Desta maneira a empresa madeireira faise responsable directamente de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen durante os traballos de corta, depósito e transporte da madeira e deberán reparar o dano causado en pistas, cunetas, pontes e calquera elemento do dominio público local. A intención municipal é que despois de rematar os traballos todo quede como estaba, é dicir, coas pistas reparadas se sufriron algún dano e as cunetas libres de podallas e restauradas. Xunto con estas obrigas tamén se prohibe empregar as beiras das estradas e as cunetas como depósito da madeira cortada durante máis de 30 días e esixirase que todos os traballos forestais que afecten a vías públicas estean sinalizados.

Para que a ordenanza non quede en papel mollado establécese unha fianza con distintas contías dependendo da madeira que se vaia cortar. A fianza ou aval bancario terán que depositalo as empresas madeireiras, non os propietarios dos montes e será de 500 € para cortas inferiores a 300 m³ , de 1.500 para cortas entre 300 e 1.000 m³, 4.000 euros se a cantidade talada está entre os 1.000 e os 3.000 m³ e 6.000 € se se cortan máis de 3.000 m³.

Tralo remate das operacións de tala e saca da madeira, o Concello fará as comprobacións pertinentes e se non hai danos ou se foron subsanados volveralle os cartos á empresa. Se non é así empregarase a fianza para facer as reparacións necesarias e se se gasta máis tamén se lle reclamarán ao madeirista os custes a maiores. Ademais, tamén se lle imporá á empresa unha sanción que vai desde os 300 euros para as infraccións leves até os 3.000 euros de multa para as máis graves.

Desde o Concello sinálase que a ordenanza non pretende ser un obstáculo para a actividade forestal, senón unha chamada de atención sobre a necesidade de que esta actividade non dane bens públicos que despois haxa que reparar cos cartos de todos e todas. O equipo de goberno tamén alerta aos propietarios de que a obriga de depositar a fianza non é un argumento válido para que as empresas rebaixen o prezo de mercado da madeira nin tampouco é un gasto extra que os madeiristas lle poidan esixir aos titulares dos montes.

Outros asuntos do pleno

Na mesma sesión en que se debaterá o articulado da ordenanza reguladora das actividades extractivas de madeira tamén se someterán á valoración da corporación outros asuntos. Un deles é o da creación do ficheiro de datos referente ás cerimonias de acollemento civil que xa empezaron a realizarse en San Sadurniño. Outro é a aprobación dos festivos locais do ano que vén, que serán o 4 de marzo -martes de Entroido- e o 2 de xullo, cadrando coas festas de Santa Isabel.

Ao ser pleno ordinario, neste tamén se inclúe o apartado de rogos e preguntas como último punto, que se suma aos “de trámite” de aprobación da acta anterior e de ratificación e toma de razón de acordos e resolucións adoptadas desde a última sesión.

2 de setembro de 2013 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.