San Sadurniño investirá 129.000 euros no acondicionamento de estradas e na mellora da rede de abastecemento de auga
O Concello investirá neste 2013 un total de 129.000 euros do POS en distintas obras orientadas ao mantemento da rede municipal de estradas e á mellora do de abastecemento de auga. As actuacións de máis envergadura comezaron esta mesma semana e desenvólvense en Naraío e mais no nucleo municipal. No primeiro caso vaise construír unha senda peonil entre os lugares da Longra e o Campo, mentres que no segundo os traballos ocúpanse da instalación dun sistema de control que permita detectar fugas de auga e evitar que calquera traballo de reparación obrigue a cortar a subministración en toda a rede.
San Sadurniño continúa coa modernización da súa rede de abastecemento por medio dunha actuación que persegue, principalmente, optimizar e racionalizar a xestión municipal da auga potable. Pouco a pouco están substituíndose as vellas canalizacións por outras máis fiables e de maior durabilidade. Pero, ademais, tamén se está aproveitando para redeseñar como se relacionan entre si todos os elementos do sistema de condución.
Ata agora era tarefa difícil atopar unha perda de auga a menos que se buscasen humidades ou afloramentos na superficie. Porén, os traballos que comezaron estes días ocuparanse de preparar a rede de abastecemento de augas no centro urbano para poder detectar fugas e para que as posibles reparacións que cumpra facer non obriguen a cortar a subministración en todos os fogares. O proxecto técnico contempla a instalación de sete medidores en puntos estratéxicos da rede que serán capaces de detectar os consumos excesivos que case sempre se deben a algunha fuga. Estes medidores enviarán os datos vía radio para que o aviso dunha perda de caudal se dea de forma case inmediata.
A outra parte do proxecto -cifrado en 30.819 euros- prevé intercomunicar os colectores principais a xeito de malla soterrada para que, no caso de haber unha avaría, se poida cortar a auga só na zona afectada durante as tarefas de reparación.
Rede viaria
O Concello deseñou tamén proxectos enfocados ao mantemento das estradas de titulariedade municipal e incluso á mellora da seguridade. É o caso do eixo viario que une os lugares da Longra e do Campo, en Naraío. Alí investiranse arredor de 34.000 euros na construción dun paseo peonil dividido en dous tramos: un de 270 metros pola marxe esquerda da estrada en dirección sur e outro de 160 metros a ambos lados e cun ancho de 80 centímetros.
Na actualidade a estrada -de 4,5 m de ancho- está flanqueada por dúas fondas cunetas en case todo o percorrido e os viandantes non teñen espazo para arredar dos coches. Esta obra servirá para que os peóns poidan circular con total seguridade no principal núcleo de poboación de Naraío que, ademais, tamén é un dos máis avellentados. Xunto con estes traballos, Electra del Narahío aproveitará a apertura de gavias para soterrar a liña eléctrica que vai desde Riolimpo até o lugar da Fontela, co que a rede de subministración eléctrica tamén gañará en seguridade ao tempo que se eliminará o seu impacto visual.
Con cargo ao Plan de Obras e Servizos, San Sadurniño tamén investiu nos últimos meses outros 64.000 euros no arranxo das pistas entre Agra de abaixo e Vilafiunce -San Sadurniño-, no amaño do camiño da Veiga en Bardaos, e noutras tres operacións de mantemento nos lugares do Cal -parroquia de Lamas-, os Pontigos -Ferreira- e na Bidueda, en San Sadurniño.
A contía total dedicada á rede viaria con cargo ao POS 2013 ascende, polo tanto, a algo máis de 98.000 euros.











